O CONCELLO DE CERVO INSTALA UNHA CALDEIRA DE PELLETS NA PISCINA MUNICIPAL PARA XERAR AUGA QUENTE SANITARIA

A nova instalación mellora a eficiencia enerxética, reduce o consumo eléctrico e as emisións de CO₂

O investimento, de 60.000 euros, foi financiado pola Dirección Xeral da Administración Local da Consellería de Presidencia ao abeiro do Fondo de Cooperación Local destinado a concellos de menos de 15.000 habitantes

O Concello de Cervo vén de completar unha importante mellora nas instalacións da piscina municipal de Lieiro, coa instalación dunha nova caldeira de biomasa (pellets) destinada á xeración de auga quente sanitaria (ACS).

Esta actuación supón un investimento total de 60.000 euros, financiado pola Dirección Xeral da Administración Local da Consellería de Presidencia, ao abeiro do Fondo de Cooperación Local dirixido a concellos de menos de 15.000 habitantes.

A nova caldeira, cunha potencia de 64 kW, substitúe o anterior sistema de produción de auga quente, baseado en resistencias eléctricas de alto consumo e baixa eficiencia, por unha solución moderna e sostible. O equipamento funciona con pellets de madeira, un combustible renovable que contribúe á redución das emisións de CO₂ e á mellora da eficiencia enerxética das instalacións municipais.

Coa súa posta en marcha, reducirase de maneira notable o consumo eléctrico, garantindo unha subministración estable e continua de auga quente nos vestiarios e dependencias da piscina municipal durante todo o ano.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata a instalación para supervisar a actuación acompañada dos edís Adrián Arias e Alfredo Fernández, e destacou que esta mellora “forma parte da estratexia municipal de eficiencia enerxética e sustentabilidade ambiental, co obxectivo de facer de Cervo un concello máis eficiente, moderno e respectuoso co medio ambiente”.

Esta intervención complementa outros proxectos recentes de mellora destas instalacións deportivas municipais, como a instalación dun novo sistema de ventilación no ximnasio, unha actuación que contou cun investimento de máis de 23.000 euros, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia. Este novo sistema, que xa está en funcionamento, está dotado dun recuperador de calor de fluxo cruzado e permite optimizar o confort térmico e reducir o consumo enerxético, aproveitando o calor residual do aire interior e mellorando a calidade ambiental do espazo.