O CONCELLO DE CERVO INVISTE MÁIS DE 20.000 EUROS NA MELLORA DO CAMIÑO DOS FEÁS EN SAN ROMÁN DE VILAESTROFE

A actuación, cofinanciada pola Xunta de Galicia con fondos AGADER, mellora o acceso a múltiples parcelas agrarias e reforza a rede de camiños municipais 

O Concello de Cervo está a executar unha obra de mellora no Camiño dos Feás, situado na parroquia de San Román de Vilaestrofe, cun investimento total de 22.320 euros, cofinanciados pola Xunta de Galicia a través dos fondos AGADER ao abeiro do plan Camiña Rural para o período 2025-2026. 

Trátase dunha vía fundamental de acceso a diversas parcelas agrarias, polo que a intervención facilita o traballo diario das explotacións da zona e mellora as condicións de tránsito de vehículos e maquinaria. 

A actuación abrangue 475 metros lineais cun ancho medio de 4,50 metros segundo os planos e medicións do proxecto. 

Os traballos consisten na limpeza de cunetas con retroescavadora e na limpeza enérxica da superficie do pavimento existente mediante cepillo de arame, así como na execución dunha capa de rodadura tipo triple rego asfáltico, debidamente compactado. Inclúese tamén a instalación de sinalización vertical, así como a xestión de residuos consistente en terras e materiais pétreos mesturados. 

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a zona acompañada do edil Alfredo Fernández, e do pedáneo de San Román, Antonio Vila, para supervisar os traballos, e destacou a importancia dunha actuación que mellora un camiño moi empregado polos veciños e polas explotacións agrícolas, que responde a unha demanda dos veciños e das explotacións agrícolas da contorna, que empregan este camiño a diario. A mellora permitirá contar cun acceso máis seguro, máis cómodo e adaptado ao tránsito que soporta habitualmente”. Engadiu ademais que “seguimos comprometidos en actuar en todos os puntos do municipio que o precisen; o noso obxectivo é manter unha rede viaria rural en bo estado, porque iso repercute directamente no benestar e no día a día da nosa veciñanza”.