O CONCELLO DE CERVO TEN ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS PARA AS ANPAS E OS CENTROS EDUCATIVOS DO MUNICIPIO
As entidades teñen ata o 22 de outubro –incluído- para presentar a documentación no Rexistro Xeral do Concello
O Concello de Cervo abriu esta semana o prazo de solicitude de axudas dirixidas ás ANPAS e aos centros escolares do municipio -CEIP de Cervo, CEIP Península da Paz e IES Marqués de Sargadelos-.
A convocatoria permanecerá aberta ata o 22 de outubro.
Tal e como subliña a alcaldesa, Dolores García Caramés, o obxectivo desta liña de axudas é impulsar e apoiar as actividades educativas e lúdico-culturais que estas entidades desenvolven ao longo do ano, promovendo a dinamización da comunidade escolar. Ao mesmo tempo, búscase ofrecerlles un respaldo económico que lles permita facer fronte aos seus gastos de funcionamento, recoñecendo así a súa importante labor.
No caso das ANPAS, cómpre lembrar que non só actúan como nexo entre as familias e os centros educativos, senón que tamén constitúen un elemento clave para fomentar a participación activa das familias na educación das crianzas, en colaboración co persoal docente.
Por este motivo, destínase unha partida orzamentaria de 7.500 euros, que se suma a outras axudas municipais dirixidas á comunidade educativa, como as destinadas á compra de libros e material escolar, ou ao transporte do alumnado.
As bases están dispoñibles para a súa descarga no taboleiro de anuncios da web municipal https://cervo.sedelectronica.es/board/.