Un día cheo de experiencias, convivencia e aprendizaxes que reforzan o compromiso coa educación ambiental desde as primeiras idades.
Excursión da Escola Infantil Municipal a Marcelle Natureza
As familias, o equipo docente, e o alumnado da Escola Infantil Municipal desfrutaron dunha xornada de convivencia e aprendizaxe no parque Marcelle Natureza.
Ao longo do día, ademais de visitar a reserva e coñecer de preto numerosas especies animais, compartiron un agradable picnic nas instalacións do parque e tiveron acceso tanto á zona exclusiva da reserva como ao resto do recinto.
A xornada rematou cunha actividade moi especial: un pequeno teatro participativo sobre a prevención dos incendios forestais, no que os nenos e nenas aprenderon a importancia de coidar os nosos montes e de evitar condutas que poidan provocar lumes, como abandonar obxectos de vidro na natureza.
Un día cheo de experiencias, convivencia e aprendizaxes que reforzan o compromiso coa educación ambiental desde as primeiras idades.
Dolores García Caramés e Alfonso Rueda analizaron os investimentos desenvolvidos en colaboración entre ambas administracións e avanzaron nas actuacións previstas en materia de industria, vivenda, infraestruturas, patrimonio, turismo e emprego, entre elas a futura Escola de Carpintería de Ribeira
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no marco da colaboración permanente que manteñen ambas administracións para impulsar actuacións que contribúan ao desenvolvemento económico, social e territorial do municipio. Durante o encontro fixeron balance do traballo desenvolvido conxuntamente nos últimos anos, unha etapa na que a colaboración institucional permitiu materializar importantes investimentos e actuacións en ámbitos como a vivenda, as infraestruturas, os servizos públicos, o patrimonio, o turismo, o benestar social e o desenvolvemento económico.
A reunión serviu tamén para revisar a folla de ruta dos principais proxectos estratéxicos nos que o Concello continúa traballando, co obxectivo de consolidar o crecemento de Cervo, reforzar o seu tecido industrial, mellorar as comunicacións e as infraestruturas, ampliar as oportunidades de acceso á vivenda, recuperar o patrimonio e seguir xerando emprego e novas oportunidades para a veciñanza. Entre os asuntos tratados, a alcaldesa presentou ao presidente da Xunta o proxecto da Escola de Carpintería de Ribeira, promovido pola Fundación Estaleiros Fra, unha iniciativa destinada á preservación dun oficio tradicional de especial valor para Galicia. García Caramés destacou a importancia que este proxecto ten para Cervo, ao asentarsesobre a única carpintería de ribeira da Mariña, contribuíndo á conservación dun patrimonio singular e á transmisión deste legado ás futuras xeracións.
Ao remate da reunión, a alcaldesa agradeceu a disposición e a receptividade amosadas polo presidente da Xunta e puxo en valor a importancia de manter unha colaboración permanente entre ambas administracións para continuar impulsando proxectos estratéxicos para o municipio. "Foi unha reunión moi positiva, que nos permitiu facer balance do moito que conseguimos nestes últimos anos grazas á colaboración coa Xunta e compartir a folla de ruta dos proxectos que queremos seguir impulsando. Cervo vive un momento importante e queremos seguir avanzando con planificación, diálogo e colaboración para aproveitar todas as oportunidades de desenvolvemento que temos por diante", sinalou. García Caramés subliñou que o Concello continuará traballando para consolidar os proxectos en marcha e impulsar novas actuacións que reforcen o potencial industrial, económico, turístico e patrimonial do municipio. "O noso compromiso é seguir traballando con responsabilidade e constancia para que Cervo continúe medrando.
Temos unha folla de ruta clara e imos seguir en contacto coa Xunta de Galicia para atraer novos investimentos, mellorar os servizos públicos e facer realidade proxectos que contribúan ao benestar da nosa veciñanza", concluíu. A alcaldesa reiterou a vontade do Goberno municipal de manter unha interlocución permanente coa Xunta de Galicia para continuar impulsando actuacións que contribúan ao progreso de Cervo e á consolidación do municipio como un referente industrial, económico, turístico e patrimonial da Mariña.
Como principal novidade, a pista tamén poderá reservarse durante as fins de semana, algo que non era posible durante a tempada de inverno debido á celebración da competición oficial no complexo deportivo. Deste xeito, durante os meses de verán a instalación estará dispoñible de luns a domingo, de 08:00 a 21:00 horas.
O Concello de Cervo amplía desde este mércores, 15 de xullo, e durante toda a tempada estival, a franxa horaria de reserva da pista de atletismo do complexo deportivo da Veiga, que poderá utilizarse todos os días entre as 08:00 e as 21:00 horas.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, explica que esta medida é posible ao non haber durante o verán competición oficial nin adestramentos regulares, polo que a instalación permanecerá dispoñible nun horario máis amplo para as persoas usuarias.
Como principal novidade, a pista tamén poderá reservarse durante as fins de semana, algo que non era posible durante a tempada de inverno debido á celebración da competición oficial no complexo deportivo. Deste xeito, durante os meses de verán a instalación estará dispoñible de luns a domingo, de 08:00 a 21:00 horas.
Unicamente permanecerán bloqueadas aquelas datas e franxas horarias nas que estean previstos eventos deportivos puntuais ou competicións. É o caso da Carreira Maruxaina, que se celebra este sábado e para a que a pista estará reservada.
As reservas deberán realizarse a través do apartado "Reservas de Espazos Deportivos" da páxina web do Concello de Cervo, onde as persoas usuarias poden seleccionar a franxa horaria dispoñible para facer uso da pista.
Para utilizar esta instalación é imprescindible estar federado/a. Unha vez formalizada a reserva a través da plataforma, as persoas usuarias deberán recoller a chave de acceso na piscina municipal.
O Concello lembra que este sistema de reserva telemática facilita a xestión das instalacións deportivas municipais e permite ás persoas usuarias acceder ao servizo de forma rápida, cómoda e organizada.
A tradicional cita está organizada polas asociacións culturais Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, coa colaboración do Concello.
A organización ten previstos 8.000 ovos e 4.000 chourizos que se servirán a partir das 20:00 horas nas inmediacións da Praza do Souto.
A Festa estará amenizada pola Charanga DGT e pola Disco Móbil Conxuro.
O Concello de Cervo volverá converterse nun punto de encontro para veciños e visitantes coa celebración da XIX Festa do Ovo Frito, que terá lugar o venres 14 de agosto nas inmediacións da Praza do Souto.
Esta consolidada cita do verán cervense está organizada polas asociacións culturais Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, coa colaboración do Concello de Cervo, e cada ano reúne a milleiros de persoas que se achegan á localidade para compartir unha xornada de gastronomía, música e convivencia.
Desde a organización explican que o reparto das racións comezará ás 20:00 horas. Cada unha incluirá ovos fritos, patacas, chourizo, pan e bebida, cun prezo de 7 euros. Para atender a elevada participación prevista, prepararanse 8.000 ovos e 4.000 chourizos, que serán cociñados en directo ao longo da tarde, convertendo a elaboración nun dos grandes atractivos da festa.
A programación completarase coa animación da Charanga DGT, que percorrerá as rúas creando ambiente festivo, e coa actuación da Disco Móbil Conxuro, que prolongará a celebración ata ben entrada a noite.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, que presentou a cita acompañada da concelleira Mali Méndez e do edil Adrián Arias, xunto a membros das dúas asociacións organizadoras, anima á veciñanza e ás persoas que visitan a comarca durante estas datas a participar nunha festa "que xa forma parte da identidade do noso verán e que cada ano demostra a enorme capacidade de Cervo para acoller a milleiros de persoas nun ambiente familiar e de convivencia".
A rexedora quixo tamén agradecer "o extraordinario traballo e a implicación das asociacións Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, así como de todas as persoas voluntarias que fan posible unha cita destas dimensións. Grazas ao seu esforzo e compromiso, esta festa segue medrando edición tras edición e consolidándose como un referente gastronómico e festivo da Mariña".
Así mesmo, destacou que "a Festa do Ovo Frito é tamén un importante reclamo turístico e económico para o municipio, que contribúe a dar a coñecer Cervo como un destino atractivo durante o verán".
Desde o Concello convidan a toda a veciñanza e aos visitantes a achegarse o próximo 14 de agosto á Praza do Souto para gozar dunha das celebracións máis multitudinarias e emblemáticas do calendario estival cervense, na que a gastronomía, a música e o bo ambiente volverán ser os grandes protagonistas.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, foron as encargadas de entregar os premios, consistentes en figuras de cerámica de Sargadelos, ás persoas premiadas.
O Concello de Cervo celebrou o acto de entrega dos premios do XVI certame fotográfico “Cervo Respecta", organizado con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, unha iniciativa que ten como obxectivo promover a sensibilización ambiental e poñer en valor a riqueza paisaxística e natural do municipio a través da fotografía.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, foron as encargadas de entregar os premios, consistentes en figuras de cerámica de Sargadelos, ás persoas premiadas.
O recoñecemento Top Cervo foi para a fotografía "Solpor", de Raquel López Blanco, que foi a que mellor puntuación tivo do xurado como fotografía na que se recoñece algún lugar pertencente ao Concello de Cervo.
O primeiro premio recaeu en "Atrapeite..., ou non", de Carlos Sanjurjo Lastra, mentres que o segundo premio foi para "Picudo Rojo", de Germán Paleo Navarro. Ademais, concedeuse unha mención especial á asociación Saúde Mental A Mariña, polo seu compromiso coa protección do medio ambiente e por participar sempre en todas as actividades que se promoven desde a administración local.
A alcaldesa felicitou ás persoas premiadas e agradeceu a participación de todas as persoas que presentaron os seus traballos, que foron 37 fotografías en total.
"Este certame demostra que contamos cun patrimonio natural excepcional e cunha veciñanza que sabe observalo, valoralo e transmitilo a través da fotografía. Cada imaxe é unha invitación a coidar o noso entorno e a seguir apostando pola conservación do medio ambiente", destacou, incidindo na importancia de manter iniciativas como esta.
"Cervo Respecta" é xa un certame consolidado que nos permite unir arte e sensibilización ambiental. A través destas fotografías conseguimos que moitas persoas descubran a beleza da nosa contorna, e reflexionen sobre a necesidade de protexela para as xeracións futuras", sinalou.
Desde o Concello de Cervo agradecen a implicación de todas as persoas participantes e animan á veciñanza a seguir colaborando nas diferentes actividades de educación e sensibilización ambiental que se desenvolven ao longo do ano.
Este mediodía, diante da Casa do Concello, gardamos un minuto de silencio en memoria das vítimas do tráxico incendio forestal de Los Gallardos (Almería).
Este mediodía, diante da Casa do Concello, gardamos un minuto de silencio en memoria das vítimas do tráxico incendio forestal de Los Gallardos (Almería).
Con este xesto queremos expresar o noso máis fondo pesar e trasladar toda a nosa solidariedade e apoio ás familias das vítimas, ás persoas afectadas e a toda a veciñanza, compartindo a dor por esta inmensa traxedia.