19/01/2016. O alcalde e o concelleiro de deportes presentaron o equipo de futbol sala de categoría pre-benxamin, que forma parte das esolas depportivas municipais

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, presentaron o equipo de fútbol sala de categoría pre benxamín, que forma parte das escolas deportivas municipais.

O edil de Deportes explicou que 'o Concello de Cervo ven de presentar o equipo base de fútbol sala na categoría de pre benxamín, que pertence ás escolas deportivas municipais. O Concello dotou de indumentaria a estes rapaces que, entre outras cousas, disputan o campionato escolar con outras formacións da Mariña'.

José Ramón Soto destacou que 'o principal obxectivo do Concello co deporte base é intentar axudar á formación dos nenos a través da diversión, xogando e relacionándose en grupos; e sobre todo que poidan gozar e sacar os mellores resultados para a súa formación, tanto deportivos como sociais e persoais. Como non pode ser doutro xeito, o Concello de Cervo sempre está a traballar polo ben do neno e entendemos que é unha boa base para favorecer o seu crecemento en ambientes saudables'.

Soto engadiu que o Concello de Cervo 'realiza un balance moi positivo do funcionamento das escolas deportivas durante o ano 2015' e recordou que 'comezaron a funcionar no concello de Cervo no 2007 e agora mesmo teñen un total de 212 inscritos nas distintas categorías, como son fútbol sala, patinaxe, baloncesto, pequexogos, deportes de raqueta, voleibol, padel, pilates, aerobic ou ximnasia de mantemento; algúns deles participan en competicións escolares, como o fútbol sala e o baloncesto, e en deporte federado compite o equipo feminino de voleibol, presentado recentemente e que é o único na Mariña que disputa o campionato xuvenil feminino en Terceira División'.