O CONCELLO DE CERVO PECHARÁ AO TRÁFICO DURANTE A MARUXAINA O CENTRO DE SAN CIPRIÁN CO FIN DE VELAR POLA SEGURIDADE DE VECIÑOS E VISITANTES
Dende mañá, e ata o mércores, os residentes afectados poderán tramitar os pases na Casa da Cultura para poder acceder ás súas vivendas
- Tamén ata o mércores, en horario de mañá, poderanse encargar os taboleiros para o xantar do sábado da Maruxaina
O Concello de Cervo, como medida preventiva e co fin de velar pola seguridade dos asistentes, pechará ao tráfico as rúas do centro de San Ciprián durante a celebración da Festa da Maruxaina, o 11 e 12 de agosto, para facilitar o paso dos vehículos de emerxencia, no caso de que fose necesario.
Así o anunciou o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, quen puntualizou que dende as 14:00 horas do venres 11 de agosto, e ata as 14:00 horas do domingo 13 de agosto, permanecerán pechadas ao tráfico as rúas Avenida da Mariña (dende o número 7, ata Correos); a Rúa dos Campos; A Rúa da Penela, á altura da Praia da Caosa; a Rúa Aduana e a Rúa Rosalía de Castro.
Ademais –engadiu- tamén quedará prohibido o estacionamento na Avenida da Mariña, na Rúa do Torno, na Rúa das Figueiras e na Rúa Beiramar, ata o cruce con Abanca.
Soto sinalou que dende mañá en horario de 11:00 a 12:30 horas, pola mañá; e de 17:00 a 19:00 horas, pola tarde, na Casa da Cultura, os residentes afectados polo corte destas rúas poderán tramitar os pases correspondentes para poder acceder ás súas residencias.
O luns 7, martes 8 e mércores 9 de agosto tamén poderán solicitar os permisos na Casa da Cultura, pero só en horario de tarde, de 17:00 a 19:00 horas.
O xoves 10 de agosto, farase a entrega dos pases, en horario de mañá, na Casa da Cultura, e pola tarde na Oficina de Turismo.
Así mesmo, Soto recordou que tamén se poden solicitar ata o mércores os taboleiros para o xantar do sábado da Maruxaina, tamén na Casa da Cultura, en horario de mañá.