O CONCELLO DE CERVO CLAUSUROU ESTA TARDE UNHA NOVA TEMPADA DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Nas actividades participaron máis de 160 usuarios e usuarias, entre nenos, nenas e persoas adultas

 

O Concello de Cervo clausurou esta tarde unha nova tempada das Escolas Deportivas Municipais cun acto no que participaron o alcalde, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, ademais doutros membros do equipo de Goberno, persoas usuarias, monitores e monitoras e familiares dos pequenos.

A actividade, que tivo lugar no Pavillón de Cervo, contou cunha exhibición do alumnado do curso de patinaxe, á que asistiron unha trintena de participantes que amosaron o traballo feito ao longo destes meses pasados.

Desde a delegación de Deportes do Concello de Cervo, editouse, como cada ano, un manual con información e ilustracións con momentos das clases que se foron impartindo ao longo de todo o ano; e entregóuselle tamén un agasallo aos pequenos.

A oferta deportiva das Escolas, que botaron a andar no ano 2007, pretende ser o máis ampla e diversificada posible, ofrecendo disciplinas como  patinaxe, voleibol e diversos xogos para os máis pequenos.

E os adultos puideron asistir a ximnasia de mantemento, pilates, aeróbic e aerozumba.

Tal e como apuntou Villares, “no día de hoxe pechamos un novo ciclo no que superamos as 160 persoas participantes”, e quixo darlle as gracias a todos e todas “por contribuír activamente a que Cervo sexa un municipio plenamente identificado do Deporte”.

O alcalde engadiu que a actividade é fundamental para o benestar físico e emocional das persoas en todas as etapas da vida; e destacou os valores que abandeira “compañeirismo, esforzo, capacidade de superación, constancia…; calidades que lle son intrínsecas e valores que desde as Administracións temos o deber de fomentar e promover”.

Villares sinalou, así mesmo, que “aínda que seguramente haxa aspectos que, entre todos e todas, podemos mellorar de cara a vindeiras tempadas, o noso compromiso é o de seguir a traballar, da man tamén de entidades locais e que fan un importantísimo traballo altruísta coas bases como é o Club Deportivo San Ciprián, para involucrar á xente nova do noso Concello, “que queira facer deporte, e que o fagan no noso municipio, porque ademais temos unhas instalacións privilexiadas para elo”.

Pola súa banda, Soto animou a todos e todas a que “o deporte vos siga acompañando durante o verán e que participedes na axenda que xa estamos a perfilar de cara aos vindeiros meses”.