O CONCELLO DE CERVO APOSTA POR UNHA RENOVACIÓN INTEGRAL DO PORTO DE ARRIBA, EN SAN CIPRIÁN

Mellora Porto de Arriba

Está proxectada unha nova zona de aparcadoiros na contorna, valórase crear un parque de calestenia e prevese a rehabilitación do mirador da Atalaia; xa se relizou a limpeza integral das rúas e mellorouse a accesibilidade para os peóns na Estrada do Faro.

Os traballos de acondicionamento da Praza da Atalaia seguirán adiante en canto chegue o informe técnico estrutural sobre o esqueleto e determine se os cimentos son aptos ou non para o seu aproveitamento

O Concello de Cervo segue a traballar na mellora integral da zona do Porto de Arriba, en San Ciprián, como un dos lugares máis emblemáticos do noso Concello.

Tal e como explicou a alcaldesa, que se achegou ata a zona coa concelleira de Obras, Mali Méndez, estamos centrando esforzos e fondos públicos para poñer en valor toda esta contorna, este recuncho de San Ciprián cheo de historia e de beleza natural, que nos recorda a estreita relación que temos co mar, que é a nosa herdanza mariñeira.

Neste senso, recordou que días atrás xa se traballou na reparación e mellora da accesibilidade na contorna da Estrada do Faro.

En concreto, investimos preto de 20.000 euros, na mellora dos accesos peonís desta zona, coa construción dunha nova escada e a instalación dunha varanda para mellorar a estética e a seguridade en toda este espazo público apostando porque sexa “un espazo funcional e accesible para a veciñanza”.

Ademais, tamén realizarnos unha limpeza integral das rúas e renovamos e substituímos varias reixas para a recollida de augas pluviais.

Son traballos que forman parte dun proxecto integral moito máis amplo, -explicou- que contempla a creación dunha zona de aparcamentos ao aire libre integrados na contorna e tamén a rehabilitación do mirador da Atalaia, un lugar impresionante desde o que poder contemplar, reflexionar e conectar coa beleza de San Ciprián. Neste senso a posta en valor deste elemento é un paso máis no noso compromiso co desenvolvemento sostible e a conservación do noso patrimonio.

Caramés tamén desengranou que dentro deste proxecto de renovación tamén se está valorando a creación dun parque de calestenia na contorna, un espazo único que combinaría natureza, convivencia e deporte nun dos lugares abertos e acolledores máis privilexiados que temos, favorecendo a práctica dunha disciplina que non só fomenta o benestar físico, senón tamén a conexión entre as persoas. Trátase dun proxecto moi bonito para crear un punto de encontro para os máis novos, adultos e familias que queiran manterse activos mentras desfrutan dunhas vistas espectaculares que nos ofrece a nosa costa.

A alcaldesa incidiu en que seguimos apostando pois pola creación de espazos públicos que melloren a nosa calidade de vida, como por exemplo tamén a Praza da Atalaia que está en proceso de acondicionamento. Unha obra cuxo remate está condicionado á recepción do informe técnico estrutural do esqueleto que hai na zona, que determinará se os cimentos son ou non aptos para a súa reutilización como edificación.