EVANGELINA MARTÍNEZ, VECIÑA DE CUÍÑA, CELEBRA OS SEUS 102 ANOS
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata o seu domicilio para felicitala persoalmente e facerlle chegar, en nome do Concello, un detalle con motivo desta data tan especial.
Evangelina Martínez, veciña de Cuíña, acaba de cumprir 102 anos, unha idade extraordinaria que celebrou rodeada dos seus seres queridos. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quixo acompañala nestes días tan sinalados, compartindo con ela e coa súa familia un momento de agarimo e felicitación.
Desde o Concello de Cervo quixemos facerlle chegar un ramo de flores como mostra de cariño e recoñecemento, sumándonos á alegría da súa familia por esta data tan especial.
Evangelina destaca pola súa alegría, o seu bo humor e a súa vitalidade, cualidades que a converteron nunha persoa moi querida en Cervo. Ao longo da súa vida dedicouse á labranza e foi construíndo unha longa historia chea de vivencias, recordos e anécdotas que segue compartindo cos seus.
A alcaldesa trasladoulle os seus parabéns e os mellores desexos, destacando a emoción que supón poder celebrar os 102 anos dunha veciña e compartir con ela e coa súa familia unha ocasión tan especial.
“É unha alegría enorme poder acompañar a Evangelina e felicitala polos seus 102 anos. É todo un privilexio celebrar unha vida tan longa, chea de experiencias e recordos, e facelo rodeada do cariño da súa familia. Desde o Concello queremos transmitirlle todo o noso afecto e desexarlle moita saúde e benestar”, sinalou García Caramés.
Parabéns, Evangelina, polos teus 102 anos! Que sigas sumando momentos felices rodeada dos teus.