O CONCELLO DE CERVO RECIBIU A VISITA DA CIM MÓBIL DA XUNTA PARA ACHEGAR ÁS MULLERES RECURSOS DE INFORMACIÓN, ASESORAMENTO E ATENCIÓN INTEGRAL
O CIM Móbil da Xunta de Galicia estivo esta mañá na Praza dos Campos, en San Ciprián, co obxectivo de achegar á veciñanza, especialmente ás mulleres, recursos especializados de información, orientación, asesoramento e acompañamento.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, achegáronse esta mañá á Praza dos Campos para coñecer de primeira man o funcionamento deste servizo
O CIM Móbil da Xunta de Galicia estivo esta mañá na Praza dos Campos, en San Ciprián, co obxectivo de achegar á veciñanza, especialmente ás mulleres, recursos especializados de información, orientación, asesoramento e acompañamento.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, achegáronse ata a unidade móbil para interesarse polo desenvolvemento da actividade, coñecer os recursos que ofrece e manter un encontro coas profesionais encargadas de prestar esta atención.
O servizo, impulsado pola Xunta de Galicia, facilita o acceso a unha atención especializada en materia psicolóxica, social e xurídica, ofrece información sobre os recursos dispoñibles e contribúe á prevención e á abordaxe da violencia contra as mulleres.
Desde o Concello de Cervo considérase fundamental dar visibilidade a este tipo de iniciativas, que permiten achegar os recursos á cidadanía e facilitar que as persoas que o precisen poidan coñecer as alternativas e os apoios ao seu alcance.
UN RECURSO INTEGRAL AO QUE SE PODE ACUDIR SEN NECESIDADE DE DENUNCIAR
Un dos aspectos fundamentais deste servizo é que non é necesario presentar unha denuncia nin acreditar que se está a sufrir violencia para solicitar información ou asesoramento. Calquera muller que teña dúbidas, necesite orientación ou queira coñecer os seus dereitos e as posibilidades de apoio pode achegarse a estes recursos.
Os Centros de Información á Muller (CIM) ofrecen unha atención integral e especializada que abrangue diferentes ámbitos da vida das mulleres. Entre os seus servizos figuran o asesoramento xurídico, a atención psicolóxica, a orientación social e sociolaboral e a información sobre axudas, prestacións e outros recursos dispoñibles.
Ademais, constitúen un apoio fundamental para as mulleres que están a vivir situacións de violencia machista, xa que permiten recibir orientación, coñecer os recursos de protección existentes e acceder ao acompañamento que poidan necesitar.
A atención baséase no respecto á vontade das usuarias e nos principios de confidencialidade e privacidade. Trátase, en definitiva, tal e como puntualizaron as profesionais do servizo, de ofrecer un espazo de información e apoio ao que acudir cando xorden dúbidas ou dificultades, sen ter que agardar a que unha situación se agrave.
Desde o Concello de Cervo reafirmamos o noso compromiso coa igualdade, coa prevención da violencia machista e co apoio ás mulleres, apostando por dar visibilidade a estes recursos e por facilitar que todas as mulleres saiban que non están soas e que teñen á súa disposición servizos profesionais aos que acudir cando o precisen.