03/05/2017. O CONCELLO DE CERVO CONVIDA A ASISTIR Á XI FESTA DE EXALTACIÓN DA CARNE DO PORCO E A III FOLIADA
A cita será o vindeiro 6 de maio na Praza do Souto durante toda a xornada

O vindeiro sábado, 6 de maio, o Concello de Cervo acolle a XI Festa de Exaltación da Carne do Porco e a III Foliada que terá lugar ao longo de toda a xornada na Praza do Souto.
Un evento que tal e como a edil de Cultura, Dolores García Caramés, “aúna dúas características intrínsecas á cultura galega que maridan á perfección, por unha banda a vertente gastronómica e por outra a música tradicional, que dará a nota de cor durante todo o día”.
A Festa, organizada conxuntamente coa A.C. Airiños do Xunco e a A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos, comezará ás 12:00 horas, cunha master class infantil de pandeireta e canto, ás 13:30 horas, será a quenda da sesión vermouth amenizada polo grupo local Airiños do Xunco, xa pola tarde, ás 17:30 horas, haberá clases de iniciación a baile tradicional.
As actuacións musicais volverán coller o testigo ás 19:30 horas, cando volverá a actuar Airiños do Xunco.
Ás 20:00 horas, será cando dea comezo a Festa gastronómica, coa exaltación da costela de porco, que irá acompañada de chourizo, pan e viño, todo nunha cazola que se servirá por 7 euros a ración.
Actuarán diferentes grupos de toda a zona como Arume de Burela, as pandereiteiras Nova Semente de Celeiro, Os Carecos, Ledicia de Burela, O Son do Sor, do Barqueiro, A Rebolaxe, de San Ciprián e Os do 21, do Vicedo. Xa a partir das 23:00 horas, terá lugar o gran concerto do Grupo Radio Cos. A continuación foliada libre.