15/06/2016. O Concello retira a pasarela que ía ata a antiga cetaria de San Ciprián. O alcalde xestiona con costas a rehabilitación do inmoble.
O Concello de Cervo retira a pasarela que ía ata a antiga cetaria de San Ciprián. O alcalde, Alfonso Villares, anunciou que seguirán coas negociacións que manteñen con Costas para rehabilitar o inmoble.
O rexedor municipal cervense explicou que “onte, desde o Concello de Cervo, procedemos a retirar a pasarela que ía ata a cetaria de San Ciprián, que xa deixou de funcionar hai uns anos e estamos en contacto coa Delegación de Costas de Lugo para intentar facernos cargo dela”.
Villares subliñou que “pasado o tempo vimos que esa pasarela que hoxe retiramos causaba perigos e posibles problemas de seguridade e, sen dúbida ningunha, tamén ocasionaba un efecto visual que era bastante negativo para ese entorno. Por iso decidimos desde o Concello poñer todos os medios da nosa parte para retirala e ademais seguiremos cos trámites que estamos levando adiante coa Delegación de Costas para facernos cargo desa cetaria e nun futuro rehabilitala para ofrecerlla aos nosos veciños como lugar para expoñer”.