CONCELLO DE CERVO APOIA AO CEIP PENÍNSULA DA PAZ NUN NOVO PLAN ACCIÓN DE ALCOA

plan acción península

O Concello de Cervo colaborou co CEIP Península da Paz e co persoal voluntario de Alcoa no marco dun novo Plan Acción.

Neste caso o proxecto do centro, denominado “Peace and Calm Hut”, ten como obxectivo crear un novo espazo no patio de Educación Infantil destinado ao xogo e ao desfrute do alumnado, mediante a instalación dunha pequena caseta de madeira que permitirá ampliar as posibilidades de uso deste espazo exterior.

Na actuación participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, xunto con voluntarios de Alcoa, coordinados por Zaloa Blanco, e representantes do centro educativo, entre os que se atopaban o director Luis Escolar. Durante a xornada, os empregados e empregadas da factoría encargáronse de realizar diferentes tarefas vinculadas á instalación e acondicionamento da estrutura, entre elas a colocación da tela asfáltica e a aplicación de lasur na madeira.

Previamente, o Concello de Cervo levou a cabo os traballos necesarios para acondicionar o patio e executar unha nova cimentación que permita a correcta colocación da caseta, colaborando así de maneira directa na posta en marcha deste proxecto.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de “seguir sumando esforzos entre as administracións, a comunidade educativa e o tecido empresarial para mellorar os espazos dos nosos centros e, sobre todo, para que o alumnado dispoña de contornas máis atractivas, acolledoras e adaptadas ás súas necesidades”.

Desde o Concello de Cervo agradecen a implicación de Alcoa e do CEIP Península da Paz nesta nova edición do Plan ACCIÓN, que contribúe a materializar pequenas e grandes melloras neste caso nos espazos educativos do municipio a través da colaboración e do voluntariado.