AS CRIANZAS DE ÚLTIMO ANO DA ESCOLA INFANTIL VISITARON O "COLE DOS MAIORES"

Para os máis pequenos, estas visitas son moito máis que unha simple actividade: son a oportunidade de coñecer novos espazos, facer amizades e comezar a sentirse parte dunha nova etapa que está a piques de comezar. 

Un paso máis no camiño de medrar 

Esta semana, os nenos e nenas do último curso da Escola Infantil Municipal viviron unha experiencia moi especial coa visita aos dous centros educativos do concello: o CEIP de Cervo e o CEIP Península da Paz.

Hoxe foi a quenda do Península da Paz, onde compartiron unha fermosa xornada cos alumnos e alumnas maiores. Xuntos desfrutaron de xogos, actividades, bailes, cancións e moitos sorrisos , creando momentos cheos de alegría e emoción mentres descubrían o que será o seu novo cole a partir do próximo curso.

Para os máis pequenos, estas visitas son moito máis que unha simple actividade: son a oportunidade de coñecer novos espazos, facer amizades e comezar a sentirse parte dunha nova etapa que está a piques de comezar. 

Ata o centro tamén se achegou a alcaldesa, Dolores García Caramés, para acompañar aos nenos e nenas neste día tan especial e compartir con eles a ilusión deste importante paso. 

 Pouco a pouco van pechando unha etapa chea de aprendizaxes e descubrimentos para abrir outra cargada de novas experiencias, retos e aventuras. Un camiño que comezará en setembro con nervios, ilusión e moitas ganas de seguir medrando.