MÁIS DE 500 ESCOLARES PARTICIPAN ESTA MAÑÁ NA I XORNADA DE EDUCACIÓN FÍSICA NA RÚA, EN SAN CIPRIÁN
A actividade está organizada polo Seminario de Educación Física da Mariña, coa colaboración do Concello de Cervo

Máis de 500 escolares procedentes de diferentes centros educativos da Mariña participan esta mañá na I Xornada de Educación Física na Rúa, que está a ter lugar en San Ciprián.
A actividade está organizada polo Seminario de Educación Físca da Mariña, coa colaboración do Concello de Cervo.
O rexedor, Alfonso Villares, quixo agradecer o labor do coordinador do seminario e profesor de Educación Física do Ceip Cervo nº1, Luis Escolar, así como dos seus compañeiros mestres e tamén dos voluntarios que fixeron posible esta magnífica xornada de convivencia entre o alumnado de diferentes centros da Mariña que desfrutaron da actividade deportiva ao aire libre nunha contorna, como é esa zona da Praza dos Campos de San Ciprián, e tamén o Parque Reina Sofía e a propia praia do Torno, que é a idónea para levar a cabo unha actividade coma esta, na que van da man a educación e o deporte”.
Villares apuntou que “a carpa que temos instalada na Praza foi moi útil neses primeiros intres para dar acollida a todos os rapaces, porque a primeira hora a chuvia fixo acto de presencia”.
A aposta polo Deporte, en todas as súas facetas, -engadiu- é unha máxima deste equipo de Goberno, e, como non podía ser doutro xeito, nesta ocasión tamén colaboramos cos organizadores en todo o que está na nosa man para facilitarles, na medida do posible, a súa labor e, entre todos, conseguir que a xornada fose todo un éxito; marcándonos como obxectivo fomentar entre os rapaces hábitos de vida saudables e alentalos para que o Deporte sexa unha parte primordial no seu día a día”.