O ALUMNADO DO COLEXIO DE CERVO VISITOU HOXE A CASA CONSISTORIAL

Escolares de terceiro e cuarto de primaria coñeceron o funcionamento da Administración local, da man do rexedor, Alfonso Villares

Un grupo de 26 alumnos/as de terceiro e cuarto de primaria do CEIP de Cervo visitaron esta mañá o Concello, acompañados dos seus docentes.

Foron recibidos polo alcalde, Alfonso Villares, pola edil de Educación, Dolores García Caramés e polo concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e puideron percorrer a maioría dos recunchos do consistorio, coñecendo de preto o funcionamento da súa administración máis próxima.

Villares sinalou que “que é importante achegar a figura dos políticos aos máis pequenos, que poidan  tomar contacto coa Administración Local e co persoal que traballa no seu propio Concello, que vexan de preto o organigrama que o conforma e como se toman as decisións”

O rexedor destacou o interese que amosaron os nenos e nenas durante toda esta visita e a súa curiosidade, “xa que nos plantexaron tanto aos políticos como ao persoal municipal moitas cuestións relacionadas co labor que se desenvolve dentro do Concello e o papel que desempeña o Goberno municipal”.