O CONCELLO DE CERVO ACOLLERÁ ESTE XOVES O I TORNEO MARUXAINA NO QUE SE PRESENTARÁN OS EQUIPOS DO CLUB DEPORTIVO SAN CIPRIÁN

  • O Viveiro CF e o Primeiro equipo do Club Local disputarán un partido amigable ás 19:00 horas

O Concello de Cervo acollerá este xoves o I Torneo Maruxaina no que se presentará o primeiro equipo, e as categorías infantil e cadete do Club Deportivo San Ciprián.

A cita foi presentada no Campo de fútbol da Veiga, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, e o Presidente do Club Deportivo San Ciprián, Eduardo Rubal.

O torneo, que enfrontará nun encontro amigable ao Club Local, que milita en Primeira Autonómica, e ao Viveiro CF, de Preferente, será ás 19.00 horas.

No descanso do encontro terá lugar a presentación das categorías infantil e cadete do Club Deportivo San Ciprián.

Villares sinalou que “este evento deportivo vén a ser o complemento perfecto para a Festa da Maruxaina que ten lugar  esta fin de semana, podemos dicir que o deporte marca neste caso o punto de partida desta celebración tan senlleira en San Ciprián”.

O rexedor tamén quixo desexar moita sorte e moitos éxitos no deportivo ao Club Deportivo San Ciprián, e felicitounos polo impecable traballo que está a facer dende a base, xa que a día de hoxe máis 50 nenos xogan e adestran a diario nas instalacións municipais.

O Club Deportivo San Ciprián arrinca a tempada o vindeiro 3 de setembro.