O CONCELLO DE CERVO CELEBRA O DÍA MUNDIAL DAS BIBLIOTECAS CUNHA XORNADA DE PORTAS ABERTAS E AGASALLANDO LIBROS AOS MÁIS PEQUENOS

  • Coincidindo coa efeméride esta tarde inaugurase o novo rincón infantil na Biblioteca de San Ciprián; e proximamente habilitarase outro na de Cervo
  • As bibliotecas de Cervo e San Ciprián contan con máis de 15.000 volumes e uns 700 socios

O Concello de Cervo celebra o Día Mundial das Bibliotecas cunha xornada de portas abertas e agasallando libros aos máis pequenos.

Deste xeito, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, achegouse ata os dous colexios do municipio onde fixo entrega aos pequenos do primeiro curso de infantil do libro personalizado “Os bolechas van a Cervo” e animou ao alumnado a que, se aínda non o teñen, fagan o carné infantil no día de hoxe, para retirar todo tipo de libros de balde das bibliotecas municipais”.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares destacou neste día a importancia de adquirir os hábitos de lectura dende as idades máis temperás, “porque os libros son unha fonte de riqueza cultural e didáctica fundamental para o desenvolvemento persoal que nos proporcionan ferramentas para coñecer e interpretar mellor e de xeito autónomo a nosa contorna social”.

Ademais, tal e como apuntou, “aproveitamos este día para inaugurar o novo rincón infantil da biblioteca de San Ciprián (próximamente habilitaremos outro en Cervo), e tamén sinalou que estivemos remodelando e reestruturando estes últimos meses toda a instalación conseguindo un espacio moito máis confortable e adaptado para os usuarios”.

Ademais vimos de destinar 1000 euros á adquisición de novos exemplares de literatura infantil, xuvenil e novela.

O arquivo bibliográfico do Concello conta con máis de 15.000 volumes, entre as bibliotecas de San Ciprián e Cervo, que a día de hoxe rondan os 700 socios.

Ademais, tamén se está a traballar na creación dun arquivo dixital completo que estará operativo na propia Biblioteca nas vindeiras semanas.