O CONCELLO DE CERVO CONMEMORA O 25N CUN ACTO SIMBÓLICO, A LECTURA DE MANIFESTOS E ACTIVIDADES DE SENSIBILIZACIÓN NA CASA DO MAR
A programación complétase cun taller de manualidades dirixido ás crianzas de 6 a 12 anos, a partir das 17:00 horas, e coa representación da obra “Os soños de Adelina”, do Grupo de Teatro A Mariña, a partir das 18:30 horas
O acto central “Unha vela por ti” celebrarase o mércores 25 de novembro, ás 18:00 horas, na Casa do Mar, e ás 18:30 horas terá lugar a lectura de manifestos.
A programación complétase cun taller de manualidades dirixido ás crianzas de 6 a 12 anos, a partir das 17:00 horas, e coa representación da obra “Os soños de Adelina”, do Grupo de Teatro A Mariña, a partir das 18:30 horas
O Concello de Cervo vén de presentar a programación institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data na que se fai un chamamento á unidade social e ao compromiso colectivo para erradicar esta lacra.
A programación é froito da reunión mantida pola alcaldesa, Dolores García Caramés; a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada; a presidenta da asociación Mujeres en Igualdad de Cervo, Adelina Fernández, e a directora técnica xeral da asociación Saúde Mental A Mariña, María José Novoa, entidades implicadas na organización e desenvolvemento das actividades, xunto coas ANPAS dos centros educativos que colaborarán na lectura dos manifestos.
A xornada desenvolverase na Casa do Mar e dará comezo ás 17:00 horas con talleres infantís e actividades de manualidades dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, con propostas relacionadas coa igualdade e a prevención da violencia de xénero, co obxectivo de achegar estes valores ás novas xeracións dunha maneira participativa e creativa.
O acto central comezará ás 18:00 horas coa iniciativa simbólica “Unha vela por ti”, un xesto de memoria, acompañamento e esperanza. A continuación, ás 18:30 horas, procederase á lectura de manifestos para visibilizar a violencia de xénero e reivindicar unha sociedade libre de violencia contra as mulleres. A recadación destinarase á Vivenda Tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental da Asociación Saúde Mental A Mariña.
A programación completarase coa representación da obra “Os soños de Adelina”, a cargo do Grupo de Teatro A Mariña, unha proposta de sensibilización que busca achegar esta realidade á cidadanía a través da cultura e do teatro.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “desde o Concello de Cervo reafirmamos o noso compromiso firme e decidido na loita contra a violencia de xénero, poñendo no centro ás vítimas e á prevención. O 25N é unha data para lembrar, visibilizar e avanzar xuntos cara a un futuro libre de violencia”.
O Concello convida a toda a veciñanza a participar nos actos programados e a sumarse a este compromiso colectivo, acompañando ás mulleres que sofren ou sufriron violencia e contribuíndo a construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia.