O CONCELLO DE CERVO CONSOLÍDASE COMO REFERENTE DO ATLETISMO GALEGO COA CELEBRACIÓN DA II XORNADA DE AIRE LIBRE DA FGA O 1 DE MAIO

A rexedora destacou “a firme aposta do Concello de Cervo polo atletismo e polo deporte en xeral, apoiando eventos que dinamizan o municipio, fomentan hábitos saudables e atraen a numerosas persoas deportistas e acompañantes”.

O Concello de Cervo acollerá este venres 1 de maio, en horario de mañá, a II Xornada de Aire Libre de Atletismo Concello de Cervo, organizada pola Federación Galega de Atletismo coa colaboración do Concello de Cervo, que reunirá nas pistas da Veiga a máis de 200 atletas de diferentes categorías chegados de toda Galicia.

Na presentación oficial do evento participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o delegado da FGA en Lugo, Pablo Gandoi, quen puxeron en valor a importancia desta competición para seguir impulsando o deporte base e consolidar o municipio como sede de referencia para probas atléticas.

A rexedora destacou “a firme aposta do Concello de Cervo polo atletismo e polo deporte en xeral, apoiando eventos que dinamizan o municipio, fomentan hábitos saudables e atraen a numerosas persoas deportistas e acompañantes”.

García Caramés puxo en valor a colaboración institucional entre a federación e o Concello e salientou “as excelentes condicións das instalacións deportivas municipais, que nos permiten acoller competicións oficiais do calendario galego”.

Esta segunda xornada servirá ademais para que moitos atletas poidan buscar as súas mellores marcas e acadar rexistros que lles permitan clasificarse para os distintos campionatos autonómicos e nacionais da tempada ao aire libre.

O programa inclúe probas homologadas tanto en pista como en concursos, moitas delas fundamentais para completar o calendario competitivo, especialmente en categorías de base e tamén para deportistas de maior nivel que precisan marcas mínimas de acceso a campionatos estatais.

O abanico de participación arrinca desde a categoría Sub10, con probas como os 500 e 1.000 metros lisos, ata a categoría absoluta, converténdose nunha nova oportunidade para ver en acción a promesas e figuras consolidadas do atletismo galego.

Entre os nomes destacados figuran atletas dos clubs locais como Pedro Moirón, recentemente subcampión de España en pista cuberta do Maderas Barcia Lourenzá Cervo, que tentará conseguir a mínima nos 1.500 metros obstáculos, así como a atleta internacional cervense Olga Vicente do CD San Ciprián, que competirá na casa na procura de boas marcas nas probas de 400 metros valados e 80 metros valados.

Desde o Concello subliñan que seguirán traballando para atraer citas deportivas de primeiro nivel, reforzando a imaxe de Cervo como destino vinculado ao deporte, á convivencia e á promoción de estilos de vida saudables.

A celebración desta xornada volve situar ás pistas da Veiga como un referente do atletismo no norte de Galicia e como escenario idóneo para acadar grandes rexistros de cara ás próximas citas oficiais do calendario galego e estatal.