O CONCELLO DE CERVO CONTRIBÚE CON CASE 5.000 EUROS Á POSTA EN MARCHA DO OBRADOIRO DE CERÁMICA DA ASOCIACIÓN DE AXUDA AO ENFERMO MENTAL A MARIÑA
Vén de adquirir un forno no que elaboran pezas únicas e orixinais “o que supón grandes beneficios físicos e mentais para as persoas usuarias deste centro”

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, visitaron este mediodía ás persoas usuarias e á plantilla de profesionais da Unidade Residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que está ubicada no municipio.
Alí puideron coñecer de primeira man o proxecto que veñen de iniciar coa posta en marcha dun obradoiro de cerámica.
Villares precisou que “desde o Concello mantemos unha colaboración moi estreita con este centro desde os seus inicios e nesta ocasión, tamén quixemos poñer o noso grao de area para a posta en marcha desta nova iniciativa que tantos beneficios lles reporta ás persoas usuarias”. Así –engadiu- adquirimos con fondos municipais un forno que supuxo dun investimento de 4500 euros, coa que elaboran pezas únicas e orixinais no seu día día “o que supón grandes beneficios físcios e mentais para todos eles e todas elas”.
Esta aportación vén sumarse a unha axuda directa nominativa de 12.000 euros que se fixa cada ano no orzamento municipal co único obxectivo de contribuír a que poidan manter así a calidade dun servizo tan necesario que prestan tanto ás persoas usuarias como ás familias.