O CONCELLO DE CERVO CONVOCA AXUDAS PARA AS ANPAS E OS CENTROS EDUCATIVOS DO MUNICIPIO

axudas centros

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 10 de novembro, incluído. A documentación deberá entregarse no Rexistro Xeral do Concello.

O Concello de Cervo vén de abrir unha nova convocatoria de axudas económicas destinadas ás ANPAS e aos centros educativos do municipio: o CEIP de Cervo, o CEIP Península da Paz e o IES Marqués de Sargadelos.

 Estas subvencións teñen como finalidade contribuír ao desenvolvemento de propostas educativas, culturais e de lecer promovidas polas entidades beneficiarias, así como axudalas a sufragar os gastos necesarios para o seu funcionamento diario.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destaca a importancia de apoiar o labor que realizan desde estas entidades que contribúen a enriquecer a vida escolar e a fortalecer a colaboración entre as familias e os centros.

No caso das ANPAS, o seu papel resulta fundamental para favorecer a implicación das familias na educación dos nenos e nenas, ademais de servir como punto de encontro e colaboración coa comunidade docente.

 Para esta convocatoria, o Concello reserva unha dotación económica de 7.500 euros que complementa outras iniciativas municipais de apoio ao alumnado, como as axudas para a adquisición de libros e material escolar ou para o transporte.

 As persoas interesadas poden consultar as bases e descargar a documentación necesaria a través do taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal:

 https://cervo.sedelectronica.es/board/