O CONCELLO DE CERVO DESPIDE UNHA NOVA TEMPADA DE ARRUGUIÑAS NO CDR

A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou ás persoas usuarias participantes no último día da actividade e entregoulles os diplomas acreditativos

 

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou o Centro de Día Residencia de San Ciprián coincidindo coa clausura dunha nova tempada do programa Arruguiñas, unha iniciativa de envellecemento activo que o Concello quixo achegar tamén ás persoas usuarias do centro para favorecer o seu benestar, a participación social e o mantemento das súas capacidades físicas e cognitivas.

Durante a xornada, a rexedora compartiu uns momentos cos participantes e fíxolles entrega dos diplomas acreditativos como recoñecemento á súa implicación e constancia ao longo destes meses, nos que participaron en diferentes actividades orientadas a promover un envellecemento activo e saudable.

Ao longo do curso, as persoas usuarias traballaron en sesións centradas na psicomotricidade fina, a estimulación cognitiva, a creatividade e as manualidades, desenvolvendo exercicios e actividades adaptadas ás súas necesidades e capacidades. Estas propostas contribuíron a reforzar habilidades como a coordinación, a memoria, a concentración e a destreza manual, ademais de fomentar a socialización e a convivencia.

García Caramés destacou a importancia de impulsar este tipo de iniciativas, que permiten mellorar a calidade de vida das persoas maiores e ofrecerlles espazos de participación activa, aprendizaxe e lecer.

A alcaldesa tamén quixo poñer en valor o excelente traballo realizado polas monitoras do programa e por todo o persoal do centro, cuxa profesionalidade, dedicación e proximidade resultan fundamentais para o éxito dunha actividade moi ben acollida entre as persoas usuarias.