O CONCELLO DE CERVO FELICITA A SAÚDE MENTAL A MARIÑA POLA CONCESIÓN DA MEDALLA EMILIA PARDO BAZÁN 2026

medalla saude mental

Este galardón distingue a persoas, colectivos e entidades que destacan polo seu traballo na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades, na loita contra a discriminación de xénero e na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. 

 

O Concello de Cervo traslada a súa máis sincera noraboa á asociación Adaoemam A Mariña pola concesión da Medalla Emilia Pardo Bazán 2026, un dos recoñecementos institucionais da Xunta de Galicia ao compromiso coa igualdade entre mulleres e homes.

Este galardón distingue a persoas, colectivos e entidades que destacan polo seu traballo na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades, na loita contra a discriminación de xénero e na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. 

No caso de Saúde Mental A Mariña, a Xunta recoñece especialmente o seu labor na atención personalizada ás mulleres vítimas de violencia de xénero que presentan problemas de saúde mental, así como o seu compromiso coa protección e acompañamento destas mulleres e dos seus fillos.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañou este xoves aos representantes da entidade no acto de entrega da distinción, celebrado na Illa da Toxa e no que a conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, foi a encargada de facer entrega do galardón ao presidente da entidade, Jorge Manchado Rivero e á directora técnica xeral, María José Nóvoa.

A rexedora destacou a satisfacción que supón para o municipio este recoñecemento a unha entidade cunha importante vinculación con Cervo, onde conta con dúas vivendas residenciais para persoas con doenzas mentais.

“É un orgullo que unha entidade tan vinculada ao noso municipio reciba unha distinción destas características. Falamos dun traballo que vai moito máis alá da atención asistencial: falamos de ofrecer protección, acompañamento, oportunidades e unha nova vida a mulleres que atravesan situacións especialmente difíciles. O seu labor é un exemplo de compromiso social, de igualdade e de humanidade”, sinalou Dolores García Caramés.

A alcaldesa incidiu tamén na importancia de visibilizar unha realidade que require unha atención específica, lembrando que as mulleres con problemas de saúde mental que sofren violencia de xénero poden afrontar unha dobre situación de vulnerabilidade e precisan recursos especializados que lles permitan recuperar a súa autonomía e desenvolver o seu proxecto de vida.

Un recoñecemento máis que merecido a unha entidade que traballa cada día por unha sociedade máis igualitaria, inclusiva e libre de violencia.