O CONCELLO DE CERVO INAUGURA NA CASA DA CULTURA A MOSTRA “ARTESANÍA DE ARRUGUIÑAS”

inaguración mostra arruguiñas

A exposición visibiliza o telento e a creatividade das persoas que participaron nos talleres durante este curso, coa colaboración da asociación Saúde Mental A Mariña

 

Este xoves quedou inaugurada na Sala de Exposicións da Casa da Cultura a mostra de artesanía de Arruguiñas, unha exposición que reúne os traballos elaborados polas persoas participantes nos obradoiros desenvolvidos ao longo do curso, dentro deste programa municipal de envellecemento activo que reuniu neste edición a máis de cen veciños/as que asistiron ás diferentes actividades programadas.

O acto contou coa asistencia da alcaldesa, Dolores García Caramés; da concelleira Pilar Armada; da directora técnico xeral de Saúde Mental A Mariña, María José Novoa e do presidente da entidade Jorge Manchado; así como de integrantes da asociación, familiares, monitores e alumnado dos talleres, que quixeron compartir este momento tan especial.

Durante a inauguración, a rexedora destacou o valor desta iniciativa, que permite dar a coñecer o esforzo, a dedicación e a creatividade das persoas participantes, ao tempo que pon en valor o importante labor que desenvolven este tipo de programas como espazos de aprendizaxe, convivencia e inclusión social.

A exposición permanecerá aberta ao público ata finais de agosto na Casa da Cultura, ofrecendo á veciñanza a oportunidade de achegarse e descubrir unha colección de pezas artesanais nas que se reflicten a ilusión, a constancia e o talento das súas autoras e autores.

Desde o Concello anímase á cidadanía a visitar esta mostra e a apoiar unha iniciativa que contribúe a enriquecer a programación cultural do municipio.

O Concello quere expresar tamén o seu agradecemento á Asociación Saúde Mental A Mariña pola súa colaboración e implicación, fundamentais para facer realidade este proxecto.