O CONCELLO DE CERVO INCORPORA NOVOS BANQUIÑOS MÓBILES AO CAMPO DE FÚTBOL DA VEIGA QUE MELLORAN OS ADESTRAMENTOS E PARTIDOS DAS CATEGORÍAS BASE DO CD SAN CIPRIÁN
A rexedora destacou que “seguimos apostando por mellorar pouco a pouco as instalacións deportivas municipais e por ofrecer recursos útiles e funcionais aos clubs con investimentos realizados con fondos propios municipais”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata o campo municipal da Veiga, en San Ciprián, para comprobar in situ a utilidade dos novos banquiños móbiles incorporados recentemente ás instalacións deportivas municipais, coincidindo cun adestramento das categorías inferiores do CD San Ciprián, que contou tamén coa presenza do presidente do Club, Eduardo Rubal.
Esta nova dotación, financiada integramente con fondos propios do Concello, permitirá mellorar notablemente a organización e o desenvolvemento dos encontros e sesións de traballo dos equipos de base, especialmente nos partidos a medio campo que disputan os máis pequenos, que non empregan o terreo de xogo completo. Os banquiños poden trasladarse facilmente segundo as necesidades de cada partido ou adestramento, favorecendo unha maior comodidade tanto para xogadores como para corpos técnicos.
A rexedora destacou que “seguimos apostando por mellorar pouco a pouco as instalacións deportivas municipais e por ofrecer recursos útiles e funcionais aos clubs con investimentos realizados con fondos propios municipais”.
Neste senso, subliñou que “o deporte base é unha prioridade para o Concello, porque ademais de fomentar hábitos saudables, transmite valores fundamentais como o compañeirismo, o esforzo e o respecto”.
Dolores García Caramés incidiu tamén en que “estes banquiños son especialmente prácticos para os encontros das categorías inferiores, nos que se empregan dimensións reducidas do campo, permitindo adaptar os espazos ás necesidades reais de cada equipo”. Ademais, puxo en valor “o gran traballo que realiza o CD San Ciprián coa canteira e coa promoción do deporte entre os máis novos”.