O CONCELLO DE CERVO INVESTIU 15.000 EUROS NA REFORMA INTEGRAL DOS BAÑOS E DO POSTO DE SOCORRISMO DA PRAIA DE CUBELAS

Tal e como apuntou o rexedor, “reforzouse a estrutura con elementos metálicos, renovouse a carpintería exterior e acondicionouse toda a infraestrutura conseguindo unhas instalacións confortables para os bañistas”

O Concello de Cervo vén de rematar os traballos de acondicionamento integral  dos baños e do posto de socorrismo da praia de Cubelas, en San Ciprián.

O alcalde, Alfonso Villares, o edil de Obras, Plácido Pérez, e a de Medio Ambiente, Mali Méndez, estiveron supervisando a actuación que supuxo un investimento de 15.000 euros, todos eles procedentes de fondos municipais.

Villares precisou que “a obra consistiu na demolición e substitución total do material da fachada principal, na que se renovou a carpintería exterior e o acabado deteriorado que era de madeira, incorporando un novo material de aluminio máis resistente e duradeiro, que require dun menor mantemento”.

O rexedor apuntou que a praia de Cubelas é un recurso natural con gran atractivo e moi frecuentado na tempada estival por veciños e visitantes, que poderán desfrutar, se o tempo o permite, dunha infraestrutura moito máis confortable nos días de praia.