O CONCELLO DE CERVO MELLORA A EFICIENCIA ENERXÉTICA DA CASA CONSISTORIAL COA INSTALACIÓN DUNHA CALDEIRA DE BIOMASA

A actuación conta cun investimento de 87.014,02 euros, cunha axuda máxima de 48.000 euros da Xunta de Galicia a través do INEGA, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea mediante os fondos NextGenerationEU

O Concello de Cervo acomete estes días traballos de substitución da actual caldeira de gasóleo da Casa Consistorial por unha nova instalación de biomasa (pellets), unha actuación que permitirá reducir as emisións contaminantes e mellorar a eficiencia enerxética do edificio, tal e como apunta a alcaldesa Dolores García Caramés, que supervisou a actuación coa concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez.

Ata o de agora, o inmoble dispoñía dunha caldeira de gasóleo cunha potencia de 151,2 kW, que daba servizo ao sistema de calefacción. Para o seu funcionamento empregábase un depósito soterrado de 6.000 litros de capacidade.

A nova caldeira funcionará con pellets, un combustible renovable, limpo e de proximidade, o que supón un “importante avance no compromiso municipal coa sustentabilidade e a loita contra o cambio climático”, engadiu a rexedora. Para o seu almacenamento habilitarase un silo nun espazo anexo á sala de máquinas, que ata o de agora se destinaba a almacén.

A actuación conta cun investimento de 87.014,02 euros, cunha axuda máxima de 48.000 euros da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea mediante os fondos NextGenerationEU.

A alcaldesa apuntou que “con esta actuación reduciremos os custos enerxéticos, apostamos por unha enerxía máis respectuosa co medio ambiente e seguimos avanzando na modernización dos servizos municipais cunha instalación máis eficiente e adaptadas aos tempos actuais”.

casa do concello