O CONCELLO DE CERVO MELLORA A EFICIENCIA ENERXÉTICA DA CASA DO MAR COA INSTALACIÓN DUNHA CALDEIRA DE BIOMASA
Un proxecto cun custo total de 74.170,81 € (sen IVE), que conta cunha subvención máxima de 48.000 € da Xunta de Galicia, a través do INEGA, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU
O Concello de Cervo vén de acometer traballos de mellora da eficiencia enerxética da Casa do Mar, cun custo total do proxecto de 74.170,81 euros (sen IVE), dos cales 64.000 euros corresponden a custo subvencionable. A actuación foi beneficiaria dunha axuda concedida polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), dependente da Xunta de Galicia, por un importe máximo de 48.000 euros, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
A actuación consistiu na retirada da antiga caldeira de gasóleo, instalada no ano 1990, e a súa substitución por dúas caldeiras en tándem de biomasa (pellets), coa instalación dos correspondentes silos de almacenaxe. Ademais, acometeuse unha reforma integral da sala de máquinas, incorporando sistemas de ventilación e regulación máis eficientes, circuladoras de alta eficiencia, contadores de enerxía e medidas de protección contra incendios, todo en consonancia coas esixencias do RITE 2019 e do CTE-DB-SI.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata o edificio para supervisar a actuación e destacou que a obra “supón un paso moi importante para mellorar as instalacións da Casa do Mar, reducindo consumos enerxéticos e apostando por unha fonte renovable como a biomasa, que é máis sostible e respectuosa co medio ambiente”.
Engadiu tamén que “a Casa do Mar é un espazo fundamental para a vida social de Cervo: nela atópase a escola infantil, celébranse actividades deportivas e culturais e serve de punto de encontro para diferentes asociacións do municipio. Con esta mellora garantimos un servizo máis eficiente e un maior confort para todas as persoas usuarias”.
Con este proxecto, o Concello de Cervo dá un novo paso na súa aposta pola eficiencia enerxética e pola sostibilidade, modernizando un edificio municipal clave.