O CONCELLO DE CERVO ORGANIZA O NOVO OBRADOIRO DE EMPREGO ‘SENDAS DE BURELA, CERVO E XOVE XII’, NO QUE SE FORMARÁ UNHA VINTENA DE PERSOAS NA ESPECIALIDADE DE XARDINERÍA
A iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e dos concellos de Burela e Xove, terá unha duración de nove meses e permitirá ao alumnado combinar formación e traballo.
O Concello de Cervo presentou hoxe, na Casa do Mar de San Ciprián, o Obradoiro de Emprego ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove XII’, unha iniciativa de formación e emprego que permitirá a vinte persoas dos tres municipios formarse na especialidade de xardinería durante os vindeiros nove meses.
No acto participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; a directora territorial da Consellería de Emprego, Carmén José López, Dolores Meitín, en representación de Xove, Ramiro Fernández, do Concello de Burela, e Óscar Bello, director do obradoiro. Tamén estiveron presentes os alumnos e alumnas seleccionados e os monitores que se encargarán de impartir a formación.
O obradoiro contará cun total de vinte participantes, distribuídos entre os tres concellos: sete persoas de Burela, sete de Cervo e seis de Xove. Ao longo dos nove meses de duración, o alumnado combinará a aprendizaxe teórica e práctica coa realización de traballos de xardinería e mellora de diferentes espazos públicos, contribuíndo así á conservación e posta en valor das contornas municipais.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, deulles a benvida aos participantes e animounos a aproveitar esta oportunidade formativa e laboral: “Comezades unha etapa na que ides adquirir coñecementos, experiencia práctica e ferramentas que poden abrirvos novas portas no mercado laboral. O meu consello é que aproveitedes cada xornada, que aprendades dos profesionais que vos van acompañar e que vexades este obradoiro como un punto de partida para seguir medrando profesionalmente”.
García Caramés incidiu tamén na dobre finalidade deste tipo de programas, que permiten mellorar a cualificación das persoas participantes e, ao mesmo tempo, realizar actuacións útiles para a veciñanza. “O traballo que ides desenvolver non queda só na formación. Vai ter unha repercusión directa nos nosos concellos, porque contribuiredes a mellorar e coidar espazos públicos que despois poderán desfrutar todos os veciños e veciñas. É unha satisfacción ver como, edición tras edición, o alumnado deixa a súa pegada nos lugares nos que traballa”.
A rexedora puxo en valor, así mesmo, a colaboración entre administracións como elemento fundamental para impulsar iniciativas deste tipo, destacando o papel da Xunta de Galicia no financiamento e desenvolvemento dos obradoiros de emprego. “A cooperación institucional permítenos ofrecer oportunidades reais de formación e inserción laboral, ao tempo que damos resposta ás necesidades dos nosos municipios. É importante seguir traballando nesta liña para que máis persoas poidan mellorar a súa preparación e afrontar con maiores garantías a procura dun emprego”.
O Obradoiro de Emprego ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove XII’ enmárcase nas políticas de formación para o emprego e busca favorecer a adquisición de competencias profesionais nun sector con posibilidades de desenvolvemento, ao tempo que contribúe á mellora e mantemento dos espazos verdes e das contornas públicas dos tres municipios.