O CONCELLO DE CERVO PON A DISPOSICIÓN DA VECIÑANZA O MATERIAL PROMOCIONAL DO CAMIÑO DO LITORAL

camiño do litoral

O Concello de Cervo xa dispón do material promocional da campaña de difusión do Camiño do Litoral, unha iniciativa da Xunta de Galicia destinada a dar a coñecer este itinerario costeiro e animar a máis persoas a descubrir a costa galega.

Os cadernos de bitácora, os lapis e os chaveiros da campaña impulsada pola Xunta de Galicia xa se poden recoller na Casa da Cultura

O Concello de Cervo xa dispón do material promocional da campaña de difusión do Camiño do Litoral, unha iniciativa da Xunta de Galicia destinada a dar a coñecer este itinerario costeiro e animar a máis persoas a descubrir a costa galega.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a Casa da Cultura, onde está situada a oficina de turismo, para dar a coñecer a campaña no municipio e informar sobre a dispoñibilidade dos materiais, que xa están a disposición daquelas persoas interesadas.

Entre os recursos distribuídos figuran os cadernos de bitácora, pensados para que as persoas que percorren o Camiño poidan anotar as súas vivencias e recordos de cada etapa, así como outros elementos promocionais, como lapis e chaveiros.

O Camiño do Litoral percorre a costa galega ao longo de 1.373 quilómetros, distribuídos en 52 etapas e por un total de 78 concellos. Cervo ocupa un lugar destacado neste itinerario, xa que a terceira etapa chega ao municipio desde Foz, mentres que a cuarta conecta Cervo con Viveiro.

Esta campaña busca reforzar a visibilidade dunha ruta que permite descubrir a riqueza paisaxística, patrimonial e natural do litoral galego, ao tempo que ofrece ás persoas camiñantes a oportunidade de coñecer os recursos turísticos e os atractivos dos distintos municipios polos que transcorre.

Desde o Concello de Cervo anímase á veciñanza e ás persoas interesadas en percorrer o Camiño do Litoral a achegarse á Casa da Cultura para recoller o material promocional dispoñible e descubrir esta proposta de turismo activo e de contacto coa natureza.