O CONCELLO DE CERVO PON EN VALOR OS NOVOS CURSOS DE FORXA TRADICIONAL QUE IMPARTE TELMO CAO NESTE MES DE AGOSTO

VISITA CURSO INICIACIÓN CAO

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou hoxe ao alumnado do curso de iniciación á forxa tradicional que se está a desenvolver no obradoiro de Telmo Cao, na antiga nave de fundición do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, e que remata este venres.

 

O Concello colaborou unha edición máis nesta iniciativa cun prezo reducido para o alumnado, co obxectivo de facilitar o acceso á formación e seguir contribuíndo á preservación e difusión desta disciplina artesanal, estreitamente vencellada á historia e ao patrimonio de Sargadelos.

Durante a visita, a rexedora, acompañada polo propio Telmo Cao, puido coñecer de primeira man o traballo que están a realizar os 10 participantes nesta edición que volve contar coa colaboración do Concello de Cervo, 8 homes e 2 mulleres, chegados desde distintos puntos de Galicia, Alemaña, Cantabria e León, que durante toda a semana aprenderon as técnicas básicas deste oficio artesanal cunha formación eminentemente práctica.

A alcaldesa destacou que desde o Concello seguiremos apoiando iniciativas como esta, que contribúen a conservar os oficios tradicionais, a poñer en valor o patrimonio de Sargadelos e a atraer persoas interesadas na nosa cultura e na nosa historia desde diferentes lugares".

Lembrou ademais que esta colaboración municipal continuará a vindeira semana coa celebración do curso de nivel 2, que permitirá ao alumnado seguir afondando nos coñecementos e técnicas da forxa tradicional da man de Telmo Cao.

García Caramés quixo poñer en valor o labor de Telmo Cao, "un referente da forxa artística que leva anos dedicando o seu talento e a súa experiencia á recuperación e transmisión deste oficio tradicional, facendo de Sargadelos un punto de encontro para persoas chegadas de diferentes lugares que queren aprender ou achegarse a este oficio.