O CONCELLO DE CERVO PROGRAMA VARIOS ACTOS POLO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O sábado, 24 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa do Mar, haberá un obradoiro de autoestima e empoderamento feminino; e ás 19:00 horas, o grupo de teatro Ardora representará o seu sketch “O silenzo que berra”

  • O venres 23, e o domingo 25 de novembro, tamén haberá actividades da man de Mulleres en Igualdade e da asociación Os Aventados, respectivamente

 

O Concello de Cervo, a través da delegación de Muller e Igualdade que dirixe Pilar Armada programa diferentes actos polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Así, o sábado 24 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa do Mar de San Ciprián, haberá un obradoiro de autoestima e empoderamento feminino a cargo da psicóloga Raquel Graña.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, o grupo de teatro Ardora de San Ciprián, representará o seu sketch “o silenzo que berra”; a continuación haberá unha merenda conmemorativa.

Ademais o venres 23 de novembro, a asociación Mulleres en Igualdade de Cervo, coa colaboración do Concello, ten programa para as 18:00 horas, na Casa da Cultura, a actuación do candador galego Xoán Eiriz e a da sección infantil do grupo folclórico Mistura.

Pola súa banda, a asociación Os Aventados, tamén coa colaboración do Concello, ten previsto para o domingo 25 de novembro, na Casa do Mar, a presentación do libro “Crúa e Núa”, da poeta Suevia Figueiroa, coas ilustracións de Otto Treto, que contará coa música de Maika Alonso.