O CONCELLO DE CERVO VÉN DE CLAUSURAR O PROGRAMA AVÍVATE QUE TIVO COMO ACTIVIDADE PRINCIPAL UN CURSO GRATUÍTO DE MONITOR DE TEMPO LIBRE
Participaron 13 rapaces, de entre 18 e 30 anos, durante os meses de xullo e agosto
- Os alumnos destacaron que foi unha experiencia moi positiva, algo que, tal e como apuntou Villares, “anímanos a programar unha nova edición para o vindeiro verán”
- Ademais do curso de monitor de tempo libre, tamén asistiron a diversos obradoiros relacionados coa motivación persoal e emprendedora “que constituirán un apoio importante no desenvolvemento profesional nun mercado laboral cada vez máis competitivo”
O Concello de Cervo, vén de clausurar o programa Avívate en Cervo, dirixido á Xuventude, aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
O programa tivo como actividade principal un curso gratuíto de monitor de tempo libre, pero tamén se complementou con diferentes obradoiros; o último deles e que pechou a actividade onte, foi un taller relacionado coa motivación empresarial.
Houbo ademais un obradoiro de intelixencia emocional, outro para acadar os teus obxectivos e unha actividade de ioga.
A proposta consistiu na realización dunha serie de actividades encamiñadas a dotalos da motivación e das habilidades precisas para o seu futuro.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Xuventude, Dolores García Caramés, quixeron compartir o día cos alumnos e felicitalos polo traballo desenvolvido a diario durante os case dous meses que durou o curso e sinalou que “dende o Concello de Cervo, neste caso a través da delegación de Xuventude, traballamos para tentar ofrecerles aos mozos todas as ferramentas que temos na nosa man, para complementar e dirixir a súa formación programando diversas actividades que cremos que constituirán un apoio importante para o seu futuro e desevolvemento persoal e profesional, nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.
O rexedor sinalou que tanto os alumnos como os monitores “trasladáronnos que se cumpriron os obxectivos marcados, e que recibiron a formación necesaria para participar en campamentos, nas diferentes actividades socioculturais que se programen, en obradoiros...; “algo que nos satisface e nos anima a programar unha nova edición de cara ao vindeiro verán”.