O CONCELLO DE CERVO VÉN DE REMATAR A ACTUACIÓN INTEGRAL NA RÚA ROSALÍA DE CASTRO, NO CENTRO DE SAN CIPRIÁN, CUNHA FIRME APOSTA POLA HUMANIZACIÓN DA VILA
A actuación supuxo un investimento total de 302.185 euros, incluíndo tamén a renovación da Rúa do Farillón, financiado integramente con remanente municipal
A actuación supuxo un investimento total de 302.185 euros, incluíndo tamén a renovación da Rúa do Farillón, financiado integramente con remanente municipal
O Concello de Cervo vén de rematar a actuación integral na Rúa Rosalía de Castro, en pleno centro de San Ciprián, unha obra que permite transformar este espazo nunha contorna máis accesible, segura e pensada para as persoas.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou este mediodía a zona, xunto ao edil Adrián Arias e a concelleira Pilar Armada, para comprobar in situ o resultado final dos traballos, acompañada tamén por José Luis Sariego, da asociación de veciños, e por Toñita Casas, pedánea de San Ciprián, nun percorrido no que puideron valorar o cambio experimentado por esta vía clave do núcleo urbano.
A intervención permitiu ampliar de forma significativa as beirarrúas no lado contiguo ao xardín, gañando espazo peonil e favorecendo unha mobilidade máis cómoda e segura. No lado oposto renovouse o pavimento existente, mantendo o ancho pero mellorando a súa funcionalidade e estética, acadando unha imaxe uniforme co emprego de adoquín de formigón.
No que respecta á calzada, levouse a cabo unha rehabilitación superficial que mellora o estado do firme e a circulación rodada, mantendo a configuración da vía e garantindo unha convivencia equilibrada entre vehículos e peóns.
Os traballos completáronse coa renovación da sinalización horizontal, a posta a cota de pozos e arquetas, a reposición de mobiliario urbano, así como con melloras nas redes de saneamento e abastecemento e a modernización do alumeado público.
A alcaldesa destacou que “con esta actuación conseguimos unha rúa máis humana, na que o protagonismo recae nas persoas, gañando espazo público de calidade e mellorando a accesibilidade para toda a veciñanza”.
Engadiu que “non é só unha mellora estética, senón unha transformación profunda que adapta este espazo ás necesidades actuais, facendo de San Ciprián un lugar máis amable, cómodo e sostible”.
Así mesmo, puxo en valor que “este tipo de proxectos son fundamentais para avanzar cara a un modelo de vila centrado nas persoas, onde os espazos públicos conviden a vivir, pasear e compartir”.
A rexedora concluíu afirmando que “seguiremos impulsando actuacións que contribúan á humanización das nosas vilas, porque iso é investir directamente na calidade de vida da nosa veciñanza”.
A actuación contou cun investimento total de 302.185 euros, que inclúe tamén a renovación da Rúa do Farillón, financiado integramente con fondos municipais.