O IES MARQUÉS DE SARGADELOS IMPARTIRÁ UN NOVO CICLO DE CULTIVOS ACUÍCOLAS

O próximo curso, o IES Marqués de Sargadelos dará un importante salto cualitativo en canto ao seu currículo formativo.

Temos o privilexio de poder contar a partir de setembro co 1º Ciclo Medio de Cultivos Acuícolas de Galicia, que desde logo, e tal e como precisou a alcaldesa, Dolores García Caramés, nunha recente visita ao centro,

“é unha oportunidade única para a nosa mocidade, que poderá formarse nun sector en auxe con grandes garantías de futuro”; tendo en conta ademais que contamos no noso Polígono de Cuíña cunha piscifactoría referente e en proceso de ampliación, polo que a inserción laboral pode ser unha realidade logo de cursar o ciclo.

O IES Marqués de Sargadelos será pois desde o próximo ano o berce da primeira promoción de acuicultores galegos ao albergar este ciclo medio de Formación Profesional Dual Intensiva de dous cursos e prácticas remuneradas.

Que boa nova!! Hai 22 prazas dispoñibles e se tedes inquedanzas por este sector aínda estades a tempo de formalizar a vosa matrícula.

Graciñas á Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Mar e de Educación por esa forte aposta porque este ciclo con tantas oportunidades recalase no noso Concello, no noso Instituto!!!