VILLARES: 'A IMPLICACIÓN DOS NOSOS VECIÑOS RESULTA FUNDAMENTAL PARA QUE O CONCELLO DE CERVO SEXA A DÍA DE HOXE UN REFERENTE EN GALICIA EN MATERIA DE RECICLAXE'

Segundo os datos facilitados por ECOEMBES, cada veciño de Cervo aportou de media 16,5 quilos de envases lixeiros no 2016, 6 quilos máis que a media Galega

  • Melloráronse notablemente todos os índices respecto ao 2015, incrementando por exemplo un 40% a recollida de papel e cartón
  • O Concello de Cervo instalará 12 novos colectores amarelos para envases lixeiros “co fin de seguir a mellorar a eficiencia dun servizo municipal de calidade, tal e como reflicten as cifras que vimos de coñecer” 

O Concello de Cervo é un dos municipios referentes en materia de reciclaxe e recollida selectiva da Comunidade Galega.

Así o reflicten os datos que veñen de facilitar dende Ecoembes que reflexan que o municipio mellorou substancialmente nesta materia nos últimos anos.

Así, facendo unha comparativa entre as cifras de 2015 e 2016, o Concello de Cervo incrementou nun 40% a recollida selectiva de papel e cartón (colector azul), pasando de 42.632 a 59.494 quilos;  e cada veciño aportou de media 4 quilos máis ao ano; chegando aos 13,72 de media por persoa. 

A mellora tamén é notable en canto á recollida selectiva de envases lixeiros (colector amarelo); que tamén se viu incrementada nun 15% con respecto ao 2015 (de 62.340 a 71.640 quilos); e a aportación por habitante ao ano subiu en máis de 2 quilos ata os 16,5 de media por persoa; o que se traduce tamén nun incremento da recadación de case o 15%, ao pasar de 21.899 a 25.036 euros.

Son datos que o rexedor de Cervo, Alfonso Villares, valora moi positivamente, tendo en conta ademais “que sitúan ao noso Concello como un referente, grazas ao esforzo de todos os cervenses, xa que, a  modo de exemplo cadaveciño aportou de media 16,5 quilos de envases lixeiros no 2016, 6 quilos máis que a media galega”.

Pero non podemos conformarnos –engadiu- “e temos que seguir a traballar nesta liña, e mellorar ano a ano estes datos, así, dende a delegación de Medio Ambiente, seguiremos a apostar polas campañas de concienciación e educación ambiental que vemos que están a dar os seus froitos”.

Así mesmo, Villares tamén puxo en valor a eficiencia e calidade dun servizo 100% municipal, “polo que apostamos dende sempre,  e que está a ser contrastado agora polas cifras que nos din que imos no camiño correcto”.

Non obstante, -apuntou- hai cousas sempre por mellorar, e nesta liña instalaremos 12 novos colectores amarelos, de envases lixeiros, en lugares estratéxicos do municipio co fin de seguir a facilitar aos nosos veciños a reciclaxe; ao tempo que o servizo municipal gañará en eficiencia, ao espaciar consecuentemente os tempos de recollida”.

Nos colectores amarelos recolléronse no ano 2016, 71.640 quilos de envases lixeiros.

A día de hoxe o Concello de Cervo conta con 530 colectores de residuos sólidos urbanos, 140 de envases lixeiros (amarelos), 40 de papel e cartón (azuis), 40 de vidro (verdes) e 6 de aceite.

A edil de medio ambiente, Manuela Méndez tamén recordou que son moitas as iniciativas nesta materia que promovemos ao longo do ano, e destacou por exemplo, a “entrega anual gratuita que facemos de composteiros” –máis de 170 familias contan cun nos seus fogares; ou as iniciativas en educación ambiental que diriximos aos máis pequenos ao longo de todo o ano “coñecedores da importancia de concienciar sobre a reciclaxe dende a propia infancia”.

Méndez tamén anunciou que nos vindeiros meses “instalaremos colectores marróns en varias zonas estratéxicas do noso Concello co fin de facilitar e promover a compostaxe doméstica tamén entre aqueles veciños que non dispoñan dun espazo axeitado para facelo nos seus fogares”.