O CONCELLO DE CERVO ESTÁ PRESENTE UN ANO MÁIS NA FEIRA INTERNACIONAL DE TURISMO (FITUR) QUE SE CELEBRA ESTA SEMANA EN MADRID
A edil de Turismo, Manuela Méndez, viaxou onte á Capital para amosar e promocionar os múltiples atractivos do municipio; e nos días de hoxe e de mañá participará na Feira o rexedor, Alfonso Villares
- Nesta edición, dende o Concello incidirase na posta en valor de Sargadelos como lugar senlleiro que contribúe decididamente a situar a Cervo no mapa “porque o nome non só se identifica con esta zona, trascende fronteiras”
- Este ano púxose en funcionamento unha páxina web renovada (www.concellodecervo.com) que é un gran escaparate para dar a coñecer o que é Cervo no seu conxunto
- A área de autocaravanas da Veiga é tamén un piar importante para o noso turismo polo que tamén melloramos os seus servizos, facilitando rede wifi de balde e instalando novos paneis informativos
- As Festas de Interese Turístico como a Maruxaina, o Ourizo ou a Queimada de Cervo son referentes na zona e atraen cada ano centos de visitantes


O Concello de Cervo está presente un ano máis na Feita Internacional de Turismo (FITUR). No día de onte foi a edil de Turismo, Manuela Méndez, quen viaxou en representación do municipio a Madrid e estivo presente na inauguración do Stand de Galicia da man do Presidente Núñez Feijóo. Nas xornadas dos días de hoxe e de mañá participará o rexedor cervense, Alfonso Villares.
Nesta nova edición dende Cervo preténdese incidir na posta en valor de Sargadelos como lugar senlleiro dentro do Concello e que contribué indubidablemente a situar o municipio no mapa; porque o nome identifícase non só con esta zona, senón que trascende fronteiras.
De feito, tal e como apuntou Villares, “dende o Concello estamos a centrar os nosos esforzos para que sexa ese lugar de visita obrigada; non só no periodo estival, senón ao longo de todo o ano, e o noso papel aquí pasa por difundir os múltiples atractivos patrimoniais e culturais que garda”.
Ademais, este último anos púxose en funcionamento una páxina web municipal renovada (www.concellodecervo.com) que é unha plataforma importante para dar a coñecer todo o potencial do Concello: lugares de interese, onde comer, onde durmir…; en definitiva “é un escaparate no que expoñemos todo o que nos identifica; como é Sargadelos, o contraste entre a costa e o interior, as Festas de Interese…; unha ferramenta traballada para tentar atraer novos visitantes a Cervo”.
Por outra banda, cabe destacar que segundo os datos recollidos na oficina de turismo municipal, o pasado verán o número de visitantes incrementouse en máis dun 20%; e a área de autocaravanas da Veiga xogou un papel importante porque houbo moitos días nos que estivo ao 100% de ocupación. Tal e como apuntou Méndez “somos conscientes de que é un tipo de turismo en auxe e por iso tamén traballamos para mellorar os servizos que se ofrecen; de tal xeito que puxemos en funcionamento a rede wifi municipal, reforzamos a iluminación e instalamos novos paneis informativos sobre o noso Concello”.