O CONCELLO DE CERVO INVISTE 150.000 EUROS NA AMPLIACIÓN DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA DE TRASBAR

viista obras abastecemento auga en Trasbar
Abastecemento auga Trasbar

A actuación lévase a cabo grazas a un convenio de colaboración subscrito con Sogam

O proxecto para echegar este servizo a todo o Burgo consta de varias fases, das cales xa se executaron dúas, desde a Senra ata a Igrexa de Castelo, e desde a Igrexa ata a mesma entrada do Burgo

O Concello de Cervo está a executar estes días traballos de ampliación da rede de abastecemento de auga no Burgo de Trasbar.

A rexedora, Dolores García Caramés, e o edil de Zona Rural, Adrián Arias, desprazáronse ata a zona para supervisar in situ a actuación que supón un orzamento de preto de 150.000 euros -148.233,39 concretamente- froito dun convenio subscrito con Sogama.

Tal e como explicou a alcaldesa “levamos xa moito tempo traballando para achegar o sistema público de abastecemento de auga a Trasbar, un proceso complexo e que require de varias fases, das cales xa foron executadas nestes últimos anos dúas, o tramo que vai desde a Senra ata a Igrexa de Castelo, e desde a mesma Igrexa ata a mesma entrada do Burgo”.

Caramés apuntou que se trata dunha obra fundamental, para a que destinamos unha importante contía de diñeiro público “porque entendemos que a posta en marcha desta prestación é unha prioridade para que a veciñanza desta zona poida acceder a este servizo público en condicións de calidade e seguridade”. 

A alcaldesa  puxo de manifesto que estas inversións “elevan o nivel de calidade de vida da veciñanza e poden servir de incentivo para moitas persoas que podan ter pensado establecerse nas zonas rurais do noso municipio”.