O CONCELLO DE CERVO CONTINÚA A MELLORAR O POLÍGONO INDUSTRIAL DE CUÍÑA COA RENOVACIÓN E MELLORA DAS BEIRARRÚAS CUN INVESTIMENTO SUPERIOR AOS 160.000 EUROS

beirarrúas polígono

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández, desprazouse ata o polígono para comprobar de primeira man o avance dos traballos, que permitirán seguir mellorando as condicións deste importante espazo para a actividade empresarial do municipio.

 

O Concello de Cervo continúa avanzando na mellora e modernización do Polígono Industrial de Cuiña, en San Ciprián, onde se están a executar as obras de mellora da accesibilidade e renovación das beirarrúas do vial principal, que conta cun investimento de algo máis de 160.000 euros, dos cales case o 75% corresponden a unha subvención da Xunta de Galicia, dentro da orde de habilitación e melloras de Infraestruturas dos Parques Empresariais de Galicia 2026.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández, desprazouse ata o polígono para comprobar de primeira man o avance dos traballos, que permitirán seguir mellorando as condicións deste importante espazo para a actividade empresarial do municipio.

A actuación, promovida polo Concello de Cervo, abrangue un tramo de 347,32 metros das beirarrúas da vía principal do Polígono Industrial de Cuiña. O proxecto responde á necesidade de actuar sobre unhas beirarrúas que presentaban diversas deficiencias, con zonas de reducido ancho e fortes pendentes nos accesos ás parcelas.

Os traballos contemplan a renovación dos pavimentos, a mellora da accesibilidade, a ampliación do espazo destinado ao tránsito peonil, a mellora dos accesos ás parcelas, a redución das pendentes nos puntos máis problemáticos e a instalación de pavimento podotáctil nos pasos de peóns, así como novas canalizacións soterradas para o alumeado público.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destaca que “desde o Concello temos moi claro que o Polígono de Cuiña é un espazo fundamental para a actividade económica e para o emprego no noso municipio, e por iso seguimos investindo na súa mellora, actuando sobre as infraestruturas que están ao noso alcance e dando resposta ás necesidades das empresas e das persoas que traballan e se desprazan diariamente por este espazo”.

“O polígono de Cuiña ten que contar coas mellores condicións posibles e, por iso, imos seguir traballando para mellorar os seus servizos, a accesibilidade e a seguridade”, engade.

Desde o Concello lembran que esta actuación se suma a outras intervencións realizadas nos últimos anos para mellorar e acondicionar o Polígono Industrial, dentro do compromiso do Goberno municipal por seguir poñendo en valor este espazo empresarial.

Neste sentido, unha das medidas adoptadas para favorecer a actividade económica e facilitar a chegada de novos proxectos foi a aprobación da modificación da ordenanza fiscal do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que introduce unha bonificación do 50%. Esta medida permite reducir de forma significativa os custos asociados á posta en marcha ou ampliación de proxectos empresariais no Polígono Industrial de Cuiña.

Desde o Concello sinalan que esta aposta xa está a ter reflexo coa implantación de novas empresas no polígono, contribuíndo a reforzar a súa actividade e a consolidalo como un espazo atractivo para o desenvolvemento de novos proxectos empresariais.

Neste sentido, a rexedora aproveitou tamén para reivindicar a necesidade de que todas as administracións cumpran cos compromisos adquiridos co municipio. “O Concello está a facer a súa parte, investindo e executando actuacións para mellorar o polígono, pero seguimos agardando tamén por infraestruturas que non dependen de nós e que son fundamentais para este espazo”, sinala.

A alcaldesa fai referencia así ao vial de conexión coa N-642 comprometido pola Deputación, unha actuación que continúa sen executarse. O Concello de Cervo vén reclamando de maneira reiterada información sobre o estado deste proxecto e, neste sentido, remitía este mesmo luns unha nova carta á Deputación, unha máis das comunicacións trasladadas nos últimos tempos para coñecer en que punto se atopa a actuación e os prazos previstos, sen recibir ata o momento resposta. 

“É unha infraestrutura moi necesaria para mellorar a comunicación do polígono e facilitar a actividade das empresas, e cremos que Cervo merece que tamén se cumpra con este compromiso”, apunta García Caramés.

“Mentres tanto, desde o Concello non imos quedar de brazos cruzados. Seguiremos facendo investimentos, mellorando os espazos públicos e actuando para que o Polígono de Cuiña estea nas mellores condicións posibles”, conclúe a alcaldesa.

A actuación actualmente en execución permitirá contar con unhas beirarrúas máis accesibles, seguras e homoxéneas, continuando coa mellora progresiva deste espazo empresarial de Cervo.