O título de fillo predilecto ou adoptivo é a máxima distinción que pode conceder un Concello a unha persoa. Ambos títulos teñen a mesma xerarquía, pero o de fillo predilecto outórgaselle ás persoas nadas no municipio; mentres o de fillo adoptivo concédeselle ás que non son naturais da poboación. A pesar de todo, ao longo dos anos fóronse utilizando os termos predilecto e adoptivo como sinónimos. Nalgún caso incluso se utilizou predilecto e adoptivo como elementos complementarios dun mesmo título. Actualmente a diferenza entre fillo predilecto e fillo adoptivo xa queda aclarada nos regulamentos de distincións e honras dos concellos, moitos dos cales foron elaborados e aprobados durante o período democrático. Ademais, nos regulamentos tamén se intentou estipular a concesión do título, que se outorgará cando o candidato teña destacado de maneira extraordinaria polas súas calidades ou méritos persoais, ou ben polos servizos prestados en beneficio ou honra do municipio. O Concello de Cervo ten nomeados nestes momentos catro fillos predilectos e tres fillos adoptivos.