Xuventude

Introdución

A mocidade é, sen lugar a dúbida, o colectivo que con carácter xeral, consume, crea e transforma máis produtos sociais e culturais na nosa sociedade. Esta "voracidade" polas diferentes manifestacións sociais e culturais que interesan á xuventude tanto urbana como rural debe de ser, dende o noso punto de vista, non só canalizada para conseguir os obxectivos previstos senón sobre todo animada e apoiada para que se vexa potenciada.

Dende a Delegación de Xuventude do Concello de Cervo somos conscientes da riqueza cultural dos nosos pobos, do esforzo e dedicación que moitos mozos e mozas están poñendo para que o seu municipio se manifeste a través do teatro, da música, do cine ou de calquera outra forma de expresión.

A Oficina de Información Xuvenil do Concello de Cervo, ten como obxectivo garantir a circulación e difusión ampla da información para promover a participación social, a promoción e a autonomía da poboación xuvenil, en aras dunha plena integración social da mocidade.

Cabe destacar que no Concello o 27,80% da poboación forma parte do sector xuvenil, de aí que a meirande parte da nosa oferta cultural vaia dirixida a este colectivo.

Metodoloxía

Neste proxecto empregamos unha metodoloxía activa, esencial para alcanzar os obxectivos propostos e baseados na dinamización e implicación na vida social da comunidade a través de diferentes actividades, principalmente do colectivo xuvenil.

A metodoloxía activa foi en todo momento participativa, pois a pesares de ser o Concello de Cervo o que planificou, realizou e avaliou as actividades, tivo moi en conta a opinión e as suxestións que fixeron os mozos e mozas do municipio.

A difusión das diferentes actividades levouse a cabo a través de cuñas de radio, carteis e folletos, anuncios de prensa, reparto polas caixas de correo e o boca a boca.

Facebook de Xuventud