Presentación
O termo municipal de Cervo está situado nas denominadas Rías Altas, ao norte da provincia de Lugo. O municipio, conformado por seis parroquias, está bañado polo Mar Cantábrico. Por iso é necesario destacar a localidade de San Ciprián (chamada Península da Paz), rodeada de tranquilos areais de fina area e augas cristalinas, como as praias do Torno, Cubelas ou A Caosa. É digno de salientar o seu porto pesqueiro, onde nos séculos XIV e XV se construían carabelas e permanecía activa unha fábrica de salgadura, da cal aínda podemos contemplar os seus restos (coñecidos como Castelo Mariño).
A parte superior da zona recreativa desta localidade, a Atalaia, está presidida polo Faro, que vixía no horizonte as míticas Illas dos Farallóns, berce da lenda da Maruxaina (a súa historia é representada anualmente nunha festa tipicamente popular e de Interese Turístico Galego). Os paseos empedrados bordean os seus espectaculares areais, dándolle á vila un aire tradicional, mesturado ao mesmo tempo coa modernidade. Cómpre, tamén, subliñar o areal de Rueta (Praia das Areas Gordas) situado na parroquia de Cervo.
Cervo, capitalidade do municipio, está presidido pola Casa do Concello, construción recente aínda que realizada mantendo a liña estética das construcións da zona, entre as que destaca o Casco Antigo. Entre os múltiples actos que se realizan na restaurada Praza do Souto destacan o Mercado Tradicional e a xa consolidada Queimada Popular, tamén de Interese Turístico Galego e que congrega a milleiros de persoas.
Unha das visitas obrigadas de todo aquel que se achegue ao noso termo municipal é o Parque Natural de Sargadelos, situado na parroquia do mesmo nome. Dende Cervo pódese acceder a Sargadelos mediante un agradable paseo polo Camiño Real bordeando o Río Xunco e contemplando diversas fervenzas e muíños de auga. Unha vez chegados ás inmediacións do Parque Natural de Sargadelos, as suxestivas paisaxes invaden a vista do tranquilo verdor, destacando o Conxunto Histórico Artístico, cos restos das Antigas Fundicións e Fábricas de Louza, fundadas por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, no século XVIII. Neste enclave natural pódese camiñar polo Paseo dos Namorados que finaliza nunha bonita fervenza. Así mesmo, pódense contemplar nos seus arredores frondosos bosques salpicados de casas rurais, como a Casa da Administración ou o Pazo do Marqués de Sargadelos, que definen a súa paisaxe como rural e señorial.
Como chegar
O termo municipal de Cervo está situado nas denominadas Rías Altas, ao norte da provincia de Lugo. Para saber como chegar, fai click no punto e introduce o teu enderezo: