O complexo xeriátrico, ubicado na zona da Veiga, en San Ciprián, é o primeiro centro específico de atención ás persoas maiores ou en situación de dependencia do municipio e dispón de 54 prazas de residencia e 24 de centro de día.
Ao ser un centro municipal, é o Concello o responsable da súa xestión e tamén, por iso, desde a Administración local primouse que os empadroados no municipio tiveran (e teñan) prioridade á hora de acceder a algunha das prazas existentes.
O centro é hoxe unha realidade grazas ao esforzo inversor da Xunta de Galicia, que aportou 2,1 millóns de euros; e aos fondo propios e xestións do Concello de Cervo, que destinou 300.000 euros.
O complexo goza dunha situación privilexiada, con vistas ao Cantábrico, e dispón de múltiples servizos: seis habitacións individuais e 24 dobres, con baños adaptados; unha habitación para persoal de enfermería e unha habitación dobre de enfermería, tres salas de convivencia (unha por planta), comedor principal, cociña con menú personalizado, sala de rehabilitación, dúas salas polivalentes, lavandería, almacéns de limpeza e alimentación e tres baños con bañeira xeríátrica (un por planta).
O 10 de xullo de 2018 o Centro de Día-Residencia recibiu as súas primeras persoas usuarias, baixo a xestión de Edad Dorada Mensajeros de la Paz, que resultou adxudicataria do servizo, baixo a supervisión continua do Concello.
Trátase dun piar fundamental de apoio ás familias; no que as persoas usuarias atópanse nun ambiente coñecido, evitando así o desarraigo; porque este é UN SERVIZO PENSADO PARA O NOSO PRESENTE E TAMÉN PARA O NOSO FUTURO.
Inauguración
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo , e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, foron os encargados de descubrir a placa na entrada do centro e de dar o discurso inaugural que marcou o inicio dun servizo moi importante para toda a veciñanza.
No acto inaugural tamén estiveron presentes o entón conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, o Padre Ángel, presidente de Mensajeros de la Paz, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, ademais dos membros da corporación municipal e outros cargos autonómicos.
Tralo acto, as persoas asistentes fixeron un percorrido polas instalacións do centro e conversaron coas persoas usuarias do servizo.
PROGRAMAS DE ENVELLECEMENTO ACTIVO
O Concello de Cervo ten en marcha o programa “Arruguiñas” dirixido á poboación maior de sesenta anos.
“Arruguiñas” artéllase sobre catro piares fundamentais: taller de memoria, móvete, actívate e talleres terapéuticos; todas estas propostas compoñen unha iniciativa transversal pensada para este nicho de poboación co obxectivo de contribuír a dinamizar o seu día a día, e de que se manteñan activos e activas social, físico e mentalmente.