Cervo é sinónimo de cultura. Este concello dispón dunha ampla oferta cultural. Música, museos, festas, exposicións, teatro...farán da súa estancia un verdadeiro pracer. Cervo conta co Museo do Mar máis antigo da comunidade. As dúas bibliotecas do municipio achegan a cultura a traves das páxinas, e non podemos esquecernos das múltiples salas de exposicións que o Concello pon a disposición dos artistas.
Cervo móvese. A aposta polo Deporte déixase notar nas múltiples actividades que se ofrecen ao longo do ano, dende as incluídas nas Escolas Deportivas Municipais ou os cursos da piscina olímpica ata a programación de diferentes eventos e competicións deportivas puntuais ou periódicas. Unhas instalacións deportivas de luxo completan as posibilidades dos usuarios á hora de practicar exercicio físico.
A Educación é un piar básico da sociedade. No municipio de Cervo dispoñemos dun Punto de Atención á Infancia (para nenos de ata 3 anos), dous centros de educación infantil e primaria así como un instituto de Educación Secundaria, Bacharelato e FP. O Concello colabora con todos eles, tanto no mantemento das instalacións como coa concesión de bolsas. Tamén ofrece subvencións ás familias para sufragar determinados gastos derivados da educación dos seus fillos.
O coidado do noso medio natural é fundamental para garantir un futuro sostible. Con ese obxectivo, o Concello de Cervo ofrece múltiples servizos e pon en marcha diversas medidas e campañas. Tarefas cotiás básicas como a recollida do lixo compleméntanse con campañas de concienciación sobre a separación de residuos e a reciclaxe. O Concello tamén fomenta a práctica da compostaxe doméstica, a recuperación dunha masa forestal autóctona en terreos públicos ou a correcta distribución e xestión de residuos voluminosos ou contaminantes no Punto Limpo.
O aproveitamento dos recursos do mar é unha forma de vida no municipio, especialmente na vila mariñeira de San Ciprián. A historia do porto pesqueiro e da confraría de pescadores así o din. Por suposto, o día a día deste núcleo está ligado directamente ao mar. Non en van, San Ciprián é unha península que mira ás augas do Cantábrico.
O atractivo turístico do municipio baséase nunha configuración territorial privilexiada, onde se mestura o rural e o urbano, e o litoral e o interior cunha predominante riqueza paisaxística, patrimonial e histórica. A súa situación, no corazón da Mariña, é un motivo máis para visitar as súas praias, tanto as integradas no casco urbano como as máis afastadas, todas elas tranquilas e de augas cristalinas. Sen esquecer o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos ou o mesmo núcleo de Cervo, que posúe o grande encanto dos pequenos lugares e unha fermosa arquitectura civil tradicional. As súas festas son citas obrigadas, especialmente as de Interese Turístico Galego. Entra neste apartado e viaxa con nós polos recunchos de Cervo.
Nesta área municipal agrúpanse diversas iniciativas dirixidas fundamentalmente á xuventude do Concello, conformando unha ampla oferta de servizos, programas, actividades, recursos e equipamientos. Destacan os servizos de información e asesoramento xeral prestados á mocidade cervense a través da Oficina de Información Xuvenil.