O CONCELLO DE CERVO LEVA O PROGRAMA ARRUGUIÑAS AO CENTRO DE DÍA RESIDENCIA PARA PROMOVER O BENESTAR, A AUTONOMÍA E A CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS MAIORES
O programa xa arrancou con obradoiros de manualidades e estimulación cognitiva, acompañamento diario polas tardes e sesións de intervención asistida con cans
O Concello puxo en marcha o programa municipal Arruguiñas tamén nas instalación do Centro de Día Residencia, co obxectivo de achegar ás persoas maiores novas oportunidades de participación, socialización e benestar, adaptadas ás súas necesidades e ao seu día a día no centro.
A iniciativa xa está en marcha con diferentes propostas, entre as que destacan os obradoiros de manualidades «Coas túas mans», pensados para estimular a creatividade e favorecer a participación a través de actividades prácticas, e os talleres de habilidades cognitivas, centrados no traballo da atención, a concentración e a psicomotricidade.
Ademais, o programa conta cunha monitora todas as tardes, que acompaña as persoas residentes e dinamiza as actividades, favorecendo a interacción, o entretemento e o mantemento das capacidades a través dunha atención próxima e adaptada.
Outra das propostas máis especiais son as sesións de intervención asistida con cans, que se desenvolven da man de Veterinaria a Domicilio. EMotivaVet coa cadela Tila. Estas actividades buscan favorecer a expresión emocional, a comunicación e a interacción social, creando momentos de conexión e benestar para as persoas participantes.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou tamén hai uns días a residencia para coñecer de primeira man a evolución do centro e as melloras realizadas nas súas instalacións.
Entre as novidades destaca a reorganización dos espazos impulsada pola nova xerencia, que decidiu trasladar o ximnasio á planta 0, facilitando o acceso e o uso desta instalación, e destinar a sala da planta -1 a actividades para as persoas residentes.
Esta redistribución permite dispoñer dun espazo específico para propostas colectivas, mentres que a sala de ximnasio se orienta ao traballo físico e á rehabilitación funcional, contribuíndo a manter a mobilidade, a autonomía e as capacidades das persoas maiores.
A alcaldesa puxo en valor tanto a posta en marcha de Arruguiñas na residencia como as melloras realizadas, destacando a importancia de sumar esforzos para ofrecer unha atención integral ás persoas maiores.
“Para nós é fundamental que Arruguiñas chegue tamén ás persoas usuarias do CDR. Queremos que poidan desfrutar de actividades que lles resulten estimulantes, que lles permitan compartir momentos, manter as súas capacidades e sentirse acompañadas. O benestar das persoas maiores debe estar sempre no centro das nosas políticas”, sinalou García Caramés.
A rexedora engadiu que “é moi positivo ver como se van mellorando os espazos e adaptando as instalacións ás necesidades das persoas residentes. A combinación de actividades de estimulación, acompañamento e intervención asistida con animais, xunto cunha contorna axeitada, contribúe a mellorar o seu día a día e a súa calidade de vida”.
Con esta iniciativa, o Concello de Cervo reafirma o seu compromiso co envellecemento activo, a atención ás persoas maiores e o desenvolvemento de propostas que favorezan a súa autonomía, participación e benestar en todas as etapas da vida.