A ALCALDESA DE CERVO ABORDA CO PRESIDENTE DA XUNTA A FOLLA DE RUTA DOS PRINCIPAIS PROXECTOS ESTRATÉXICOS PARA O MUNICIPIO

Dolores García Caramés e Alfonso Rueda analizaron os investimentos desenvolvidos en colaboración entre ambas administracións e avanzaron nas actuacións previstas en materia de industria, vivenda, infraestruturas, patrimonio, turismo e emprego, entre elas a futura Escola de Carpintería de Ribeira 

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no marco da colaboración permanente que manteñen ambas administracións para impulsar actuacións que contribúan ao desenvolvemento económico, social e territorial do municipio. Durante o encontro fixeron balance do traballo desenvolvido conxuntamente nos últimos anos, unha etapa na que a colaboración institucional permitiu materializar importantes investimentos e actuacións en ámbitos como a vivenda, as infraestruturas, os servizos públicos, o patrimonio, o turismo, o benestar social e o desenvolvemento económico. 

A reunión serviu tamén para revisar a folla de ruta dos principais proxectos estratéxicos nos que o Concello continúa traballando, co obxectivo de consolidar o crecemento de Cervo, reforzar o seu tecido industrial, mellorar as comunicacións e as infraestruturas, ampliar as oportunidades de acceso á vivenda, recuperar o patrimonio e seguir xerando emprego e novas oportunidades para a veciñanza. Entre os asuntos tratados, a alcaldesa presentou ao presidente da Xunta o proxecto da Escola de Carpintería de Ribeira, promovido pola Fundación Estaleiros Fra, unha iniciativa destinada á preservación dun oficio tradicional de especial valor para Galicia. García Caramés destacou a importancia que este proxecto ten para Cervo, ao asentarsesobre a única carpintería de ribeira da Mariña, contribuíndo á conservación dun patrimonio singular e á transmisión deste legado ás futuras xeracións. 

Ao remate da reunión, a alcaldesa agradeceu a disposición e a receptividade amosadas polo presidente da Xunta e puxo en valor a importancia de manter unha colaboración permanente entre ambas administracións para continuar impulsando proxectos estratéxicos para o municipio. "Foi unha reunión moi positiva, que nos permitiu facer balance do moito que conseguimos nestes últimos anos grazas á colaboración coa Xunta e compartir a folla de ruta dos proxectos que queremos seguir impulsando. Cervo vive un momento importante e queremos seguir avanzando con planificación, diálogo e colaboración para aproveitar todas as oportunidades de desenvolvemento que temos por diante", sinalou. García Caramés subliñou que o Concello continuará traballando para consolidar os proxectos en marcha e impulsar novas actuacións que reforcen o potencial industrial, económico, turístico e patrimonial do municipio. "O noso compromiso é seguir traballando con responsabilidade e constancia para que Cervo continúe medrando. 

Temos unha folla de ruta clara e imos seguir en contacto coa Xunta de Galicia para atraer novos investimentos, mellorar os servizos públicos e facer realidade proxectos que contribúan ao benestar da nosa veciñanza", concluíu. A alcaldesa reiterou a vontade do Goberno municipal de manter unha interlocución permanente coa Xunta de Galicia para continuar impulsando actuacións que contribúan ao progreso de Cervo e á consolidación do municipio como un referente industrial, económico, turístico e patrimonial da Mariña.