A ALCALDESA DOLORES GARCÍA CARAMÉS PARTICIPOU ESTE LUNS EN CANTABRIA NA COMISIÓN DE PESCA, COSTAS E INSULARIDADE DA FEMP, CUN FOCO ESPECIAL NO RELEVO XERACIONAL DO SECTOR

A rexedora de Cervo desprazouse aos municipios cántabros de Argoños e Colindres para asistir á reunión desta comisión, da que forma parte.

O relevo xeracional no sector pesqueiro foi un dos asuntos centrais, xa que a falta de incorporación de xente nova está a afectar seriamente á continuidade da actividade pesqueira . A comisión traballa en propostas para dignificar o sector e, nesa liña, a alcaldesa sinalou a importancia de achegar cursos formativos aos concellos para favorecer a chegada de novos profesionais.

Ademais, abordouse a necesidade de reforzar a coordinación institucional fronte á contaminación mariña , a situación de infraestruturas tradicionais ameazadas pola Lei de Costas e a problemática da alga invasora rugulopteryx okamura .

No tocante á Lei de Costas, a alcaldesa destacou o exemplo de Galicia, coa recente transferencia da xestión do litoral desde o 1 de xullo, un paso histórico que aporta seguridade xurídica a miles de edificacións e empresas e permite unha xestión máis próxima e sostible, compatibilizando a protección do litoral co desenvolvemento económico e social ligado ao mar.

A xornada completouse cunha visita á Confraría de Pescadores de San Ginés, ao porto pesqueiro e a varios proxectos costeiros apoiados polo Grupo de Acción Costeira Oriental de Cantabria.

Desde o Concello de Cervo destacamos a importancia de participar nestes espazos de diálogo para defender os intereses do noso territorio e apoiar o futuro do sector pesqueiro.