BLACK HORSEMEN E ORIGINAL PRANKSTERS, TRIBUTOS A METALLICA E THE OFFSPRING, ENCABEZAN O CARTEL DA OITAVA EDICIÓN DO CALLO FEST
O Callo Fest xa ten cartel para a súa oitava edición. O Concello de Cervo e Amigos da Troula presentan a programación deste festival, que se celebrará o vindeiro sábado 26 de decembro na Praza dos Campos de San Ciprián, consolidándose como unha das citas musicais e festivas máis singulares do Nadal na comarca da Mariña.
O festival, organizado polo Concello de Cervo e a Asociación Amigos da Troula, celebrarase o sábado 26 de decembro na Praza dos Campos de San Ciprián e contará tamén coas actuacións de The Lazy Bones e Mi Rollo es el Rock.
O Callo Fest xa ten cartel para a súa oitava edición. O Concello de Cervo e Amigos da Troula presentan a programación deste festival, que se celebrará o vindeiro sábado 26 de decembro na Praza dos Campos de San Ciprián, consolidándose como unha das citas musicais e festivas máis singulares do Nadal na comarca da Mariña.
A proposta musical desta edición aposta polo rock e o metal con catro formacións que prometen unha noite cargada de enerxía.
Entre os principais atractivos estarán Black Horsemen, cun potente espectáculo tributo a Metallica, e Original Pranksters, que renderá homenaxe á mítica banda estadounidense The Offspring.
O cartel complétase con dúas formacións moi vinculadas á escena musical da zona: The Lazy Bones e Mi Rollo es el Rock, que contribuirán a poñer en valor o talento musical da comarca e a converter a vila nun punto de encontro para as persoas amantes da música en directo.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destaca a importancia do Callo Fest á hora de "dinamizar Cervo, ofrecer alternativas de lecer e cultura á veciñanza e atraer visitantes doutros puntos da comarca".
A rexedora engade que "este tipo de eventos contribúen a dar visibilidade ao noso municipio, apoiar o talento local e xerar actividade na hostalaría. Son tamén unha magnífica oportunidade para gozar da música, compartir momentos e seguir construíndo comunidade".
O Callo Fest é moito máis ca unha sucesión de concertos. Fiel á súa filosofía, o festival volverá combinar música e gastronomía nunha celebración pensada para adiantar a despedida do ano e compartir unha noite diferente entre amizades e familia.
Un dos momentos máis especiais da xornada será o tradicional ensaio das badaladas de Fin de Ano, acompañado dun brinde, para recibir simbolicamente o novo ano uns días antes. A festa continuará ao ritmo da discomóbil ConXuro, que será a encargada de prolongar a celebración.
E, como non podía ser doutro xeito, tampouco faltará un dos grandes atractivos desta cita: haberá callos de balde para as persoas asistentes antes de que remate a festa, mantendo así unha das tradicións máis características do festival.
O Callo Fest, organizado polo Concello de Cervo e pola Asociación Amigos da Troula celebra así a súa oitava edición reafirmando unha fórmula que combina música en directo, identidade local, gastronomía e convivencia, e que ano tras ano reúne en San Ciprián veciñanza e visitantes nun ambiente festivo e aberto a todos os públicos.
Desde a organización anímase a reservar a data do 26 de decembro e achegarse á Praza dos Campos para gozar dunha nova edición dunha festa na que o rock, as badaladas e os callos volverán ser os grandes protagonistas.