CONCELLO DE CERVO INVISTE MÁIS DE 48.000 EUROS NA MELLORA DO CAMIÑO RURAL DE TAGARREIRO, EN SARGADELOS

A actuación está financiada con cargo ao Plan Único

O Concello de Cervo executa estes días unha actuación de mellora e acondicionamento do camiño rural de Tagarreiro, na parroquia de Sargadelos, cun investimento total de 48.329,58 euros, financiados a través do Plan Único.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou a zona acompañada polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e do pedáneo da zona, Luis Peña, e destacou que “con esta intervención seguimos a mellorar a rede viaria municipal, atendendo ás necesidades da veciñanza e garantindo uns accesos máis seguros e en mellores condicións”.

A rexedora subliñou ademais que “a conservación e mellora dos camiños rurais é unha prioridade para este goberno local, xa que son infraestruturas fundamentais para o mantemento da actividade e da calidade de vida no rural”.

A intervención céntrase na mellora do firme do camiño existente, mantendo a súa configuración actual, nun vial que dá servizo a vivendas e parcelas agrícolas da zona.

A alcaldesa, explicou que “se trata dunha actuación necesaria para mellorar o estado do camiño, actuando sobre o firme e sobre a drenaxe, co obxectivo de evitar problemas derivados da acumulación de auga e garantir unhas mellores condicións de uso”.

Os traballos inclúen a limpeza e preparación da superficie, a retirada do pavimento deteriorado e a execución dunha nova capa de rodadura. Ademais, realízanse actuacións puntuais para mellorar a evacuación das augas pluviais e reducir a escorrentía sobre o vial.

Con esta intervención, o Concello de Cervo continúa a apostar pola mellora das infraestruturas viarias no rural, reforzando a seguridade, a accesibilidade e a conservación dos camiños municipais.